
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, presentou esta mañá a futura Lei de Medidas Integrais contra o Acoso e a Violencia Dixital de Galicia, que inicia agora a súa tramitación parlamentaria. Antes do comezo do debate, instou os grupos parlamentarios «a buscar o consenso e traballar para facer desta lei, a primeira deste tipo en España e Europa, un espazo de encontro».
Na súa intervención, a conselleira explicou que o obxectivo da norma é establecer medidas integrais para a sensibilización, prevención e detección do acoso e da violencia dixital, así como para a protección e o apoio ás persoas que os sofren, «especialmente aos colectivos máis vulnerables: como menores, mulleres ou persoas LGBTI». Tamén se pretende impulsar a formación do persoal da Xunta, do sector público e das forzas e corpos de seguridade do Estado, ademais de establecer medidas específicas de protección e apoio ás vítimas.
Fabiola García, acompañada polo director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, detallou o proceso desenvolvido pola Xunta durante a tramitación do texto. Neste proceso destacou as alegacións recibidas e «as reunións mantidas con vítimas e familiares, para escoitalas e coñecer por boca delas as súas necesidades e demandas».
Entre as medidas previstas figura a inclusión obrigatoria de contidos formativos en competencia dixital nos currículos de todas as etapas educativas non universitarias, así como a aprobación dun Plan integral contra o acoso escolar e o ciberacoso. Tamén se promoverán acordos ou convenios con persoas e empresas dentro das competencias da Xunta e porase en marcha un servizo gratuíto de borrado da pegada dixital para eliminar material que continúe accesible na rede e que fose empregado como instrumento de acoso ou violencia.
A futura lei contempla tamén a creación dun servizo gratuíto de asesoramento no que as vítimas recibirán apoio técnico e información para previr novos ataques ou situacións de violencia dixital. Garantirase igualmente o acceso a información, orientación e apoio xurídico desde o primeiro momento, sen necesidade de presentar unha denuncia previa. Por último, elaborarase unha guía informativa sobre os dereitos das vítimas de acoso e violencia dixital.
Plan de formación pioneiro

Fabiola García explicou que o obxectivo é «garantir a asistencia xurídica gratuíta para todas as vítimas de acoso e violencia dixital, con independencia da idade ou do xénero». Tamén puxo en valor que a Xunta «xa puxo en marcha un plan de formación pioneiro en España», destinado a formar a todo o persoal técnico da Administración autonómica en violencia de xénero dixital.
Esta formación xa foi realizada por máis de 200 profesionais dos CIMS, da rede de acollemento, dos centros Quérote+ e do colectivo LGTBI, entre outros ámbitos.

