
A mediados de setembro chegou as tendas o xogo para Nintendo Switch 2 Fire Emblem: Fortune’s Weave sorprendendo polo feito de que semella ter certa relación con Galicia e España, xa que no continente de Dagda, onde se desenvolve a acción, aparecen numerosos topónimos e referencias que poden resultarnos familiares.

Entre os exemplos máis evidentes están Ribeira, Aguiño e Orens. Ribeira coincide co nome do municipio coruñés e, no xogo, é unha localidade costeira e unha vila de pescadores na que vive Cai, un dos protagonistas.

Aguiño tamén corresponde cunha parroquia do concello de Ribeira, mentres que Orens podería ser unha referencia a Ourense. A presenza destes tres nomes nun mesmo territorio fai difícil atribuír as coincidencias á casualidade.
Outras referencias españolas

O mapa de Dagda inclúe ademais outros nomes con posibles referencias á xeografía española, como Benyera, vinculada nesta ocasión a unha localización de Castela e León, así como o Forte de Granada, a Ponte de Santana ou o Bosque do Faro. Dagsion, a capital ficticia do continente, tamén presenta unha arquitectura con claras influencias románicas.

A inspiración non se limita aos topónimos. Leda, unha das protagonistas, presenta unha estética claramente relacionada co flamenco e exerce como artista sobre os escenarios. O seu instrumento é unha vihuela, instrumento de corda moi vinculado á tradición musical española dos séculos XV e XVI e considerado un dos antecedentes da guitarra española.

A música tamén podería conter algunha destas influencias. A nova versión de Together We Ride, composta para Fortune’s Weave, incorpora nos seus arranxos elementos que poden lembrar a sonoridades flamencas, aínda que neste caso a conexión depende máis da interpretación que de referencias explícitas.

