
O Concello da Coruña presentou esta semana os detalles de AEira, o novo espazo de creación e participación cidadá integrado na Biblioteca Municipal da Sagrada Familia, unha iniciativa impulsada pola Administración local para “ampliar os servizos da rede municipal de bibliotecas e reforzar o seu papel como equipamentos culturais de proximidade”.
O novo espazo foi visitado antonte pola alcaldesa Inés Rey e máis a concelleira Montse Paz. A rexedora destacou que “o novo espazo supón o cumprimento dun compromiso adquirido coa veciñanza do barrio” e engadiu que “A Coruña conta así cun novo espazo pioneiro de creación e innovación cultural integrado na Biblioteca da Sagrada Familia”.
O proxecto amplía a superficie da Biblioteca da Sagrada Familia, que pasa de 703 a 808 metros cadrados útiles, grazas á incorporación de 105 metros cadrados adicionais destinados a novos usos culturais e comunitarios. O investimento municipal ascendeu a 409.203,98 euros.
A Eira inclúe un espazo de creación equipado con recursos tecnolóxicos e ferramentas especializadas, entre elas unha cortadora láser, equipos de gravación e edición audiovisual, máquina de coser e equipamento portátil de soldadura. Estes medios permitirán desenvolver proxectos tan diversos como a produción de podcast, a edición de publicacións independentes, a creación artística ou a aprendizaxe práctica de novas habilidades.
Ademais, o novo equipamento conta con salas de traballo colaborativo para asociacións, grupos veciñais, estudantes, artistas e persoas emprendedoras do ámbito cultural ou social. As instalacións tamén acollerán obradoiros, actividades formativas e encontros interxeracionais.
Acceso aberto a toda a cidadanía

Segundo explicaron, A Eira está aberta a todas as persoas, grupos e entidades con inquietudes culturais, sociais, tecnolóxicas ou artísticas que precisen espazos e ferramentas para desenvolver os seus proxectos. O préstamo de salas, equipamentos e recursos será gratuíto, ao igual que os obradoiros organizados pola Rede de Bibliotecas Municipais.
O espazo dispón de dúas aulas con capacidade para 30 e 12 persoas, respectivamente, e funcionará como unha prolongación da Biblioteca Municipal da Sagrada Familia, aínda que contará con accesos independentes para facilitar un uso autónomo por parte da veciñanza.
Nos próximos meses desenvolverase unha programación específica para dar a coñecer os novos recursos entre a cidadanía, con propostas relacionadas coa radio, a cianotipia, a costura, a imprenta creativa, o gravado láser e a memoria do barrio.
“A Eira é un exemplo de como as bibliotecas do século XXI evolucionan para ser espazos de lectura, pero tamén de aprendizaxe, creación e encontro comunitario. Esta nova infraestrutura reforza o papel das bibliotecas municipais como motores culturais, educativos e sociais da cidade. Desde o Goberno que lidero continuamos mellorando a nosa rede”, concluíu Inés Rey.

