
Eduardo Mosqueira Rey participou recentemente no Congreso Brasileiro de Ciencias e Tecnoloxías Cuánticas (CBCTQ 2026), onde impartiu o curso Quantum Machine Learning e formou parte dunha mesa redonda centrada na Força de trabalho no ámbito das tecnoloxías cuánticas.
Durante a actividade formativa, o subdirector do CITIC da UDC presentou ás persoas participantes os principais fundamentos e aplicacións da aprendizaxe automática cuántica, unha área de investigación que combina técnicas de aprendizaxe automática coas posibilidades que ofrece a computación cuántica.
A formación partiu dunha introdución á aprendizaxe automática clásica para abordar máis tarde conceptos fundamentais da computación cuántica, como a superposición, a interferencia e o entrelazamento, e a súa aplicación ao procesamento de información. Un dos eixes principais do curso foi o enfoque clásico-cuántico, que permite utilizar sistemas cuánticos para procesar datos clásicos.
Ao longo da sesión, as persoas asistentes puideron coñecer algúns dos principais retos asociados ao procesamento cuántico de datos, entre eles a necesidade de codificar información clásica en sistemas cuánticos, así como diferentes técnicas de codificación.
O programa puxo tamén especial énfase na aplicación práctica dos algoritmos cuánticos variacionais, que combinan circuítos parametrizados con optimizadores clásicos para avaliar e minimizar funcións de custo, constituíndo unha das estratexias fundamentais para o desenvolvemento de aplicacións na actual era de dispositivos cuánticos ruidosos ou NISQ (Noisy Intermediate-Scale Quantum).
Amais, o curso introduciu ás persoas participantes nas redes neuronais cuánticas e na construción de modelos híbridos capaces de procesar datos mediante circuítos cuánticos parametrizados.
Alén da súa participación como docente, Eduardo Mosqueira interveu nunha mesa redonda sobre Força de trabalho, dedicada a analizar os retos relacionados coa formación e preparación de profesionais ante o desenvolvemento das tecnoloxías cuánticas.

