
A Universidade de Vigo participa como socia no proxecto europeo Reliable, iniciativa internacional financiada polo programa Erasmus+ da Unión Europea que reúne investigadoras e investigadores de España, Portugal, Alemaña, Montenegro e Bosnia e Herzegovina co obxectivo de “modernizar os sistemas de educación superior dos Balcáns Occidentais”. E facelo a través da integración da intelixencia artificial (IA) no ensino, na aprendizaxe e nos procesos institucionais.
A participación da UVigo está coordinada polo catedrático da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Martín Llamas, do centro de investigación atlanTTic, que forma parte do equipo xunto cos profesores Manuel Caeiro e Fernando Ariel Mikic Fonte. Ao longo dos dous anos de duración da iniciativa está prevista, ademais, a incorporación de novo persoal investigador.
Cun orzamento de 400.000 euros, Reliable está coordinado pola Universidade Internacional de Travnik, en Bosnia e Herzegovina, onde xa se celebrou a reunión de lanzamento. O consorcio complétano o Instituto Politécnico do Porto, a Universidade de Vigo, a Fachhochschule des Mittelstandes (FHM) de Alemaña, a Universidade Mediteran Podgorica e a Adriatic University Bar de Montenegro, así como o Banja Luka College de Bosnia e Herzegovina.
Unha aposta polas vantaxes da IA

Segundo informa a UVigo nun plano máis concreto, Reliable nace para “dar resposta aos retos que afrontan numerosas institucións de educación superior dos Balcáns Occidentais, entre eles o predominio de metodoloxías docentes tradicionais, as limitacións das infraestruturas dixitais e o desaxuste entre a formación universitaria e as necesidades do mercado laboral”.
Neste contexto, o proxecto aposta pola intelixencia artificial como ferramenta para “avanzar cara a unha educación superior máis personalizada, eficiente e adaptada ás necesidades do estudantado”. Entre os seus obxectivos figuran o desenvolvemento de sistemas de aprendizaxe baseados en IA, a mellora das competencias dixitais do profesorado universitario, a creación de contornas de aprendizaxe adaptativas e o reforzo da conexión entre universidade e mercado laboral.
A Universidade de Vigo desempeña un dobre papel dentro do proxecto. Por unha banda, o equipo coordinado por Martín Llamas coordina unha das accións formativas internacionais, centrada na avaliación con IA, que terá lugar no Campus de Vigo o vindeiro mes de decembro. Pola outra, encárgase do desenvolvemento da plataforma en liña que dará soporte á formación do profesorado das universidades balcánicas no uso destas ferramentas aplicadas á docencia.
“O noso obxectivo é explorar como a IA pode apoiar a avaliación e a retroalimentación no proceso educativo, sen perder o papel central do profesorado”, explica Manuel Caeiro. Para iso empregarán iBeA, a evolución da plataforma BeA, desenvolvida na Universidade de Vigo para apoiar a avaliación de exames en papel. “A nova versión incorpora funcionalidades de intelixencia artificial xerativa que permiten automatizar parte da avaliación e xerar propostas de retroalimentación para o estudantado”, engade.

