
Google ampliou a dispoñibilidade do SynthID Detector, unha ferramenta que permite comprobar se unha imaxe, vídeo ou arquivo de audio foi xerado mediante intelixencia artificial. O servizo pasa a estar dispoñible globalmente en inglés e permite detectar contido creado con ferramentas de Google ou con tecnoloxías dos seus socios.
SynthID emprega marcas de auga imperceptibles integradas nos contidos para facilitar a súa identificación. Desde o seu lanzamento en 2023, Google asegura que aplicou esta tecnoloxía a máis de 180.000 millóns de imaxes e vídeos, ademais de 240.000 anos de contido de audio.
O SynthID Detector fora presentado inicialmente en versión preliminar para profesionais dos medios de comunicación, co obxectivo de facilitar a verificación de materiais xerados mediante IA. Agora calquera usuario pode acceder á ferramenta a través do servizo web de SynthID e comprobar contidos multimedia compatibles.
A tecnoloxía tamén permite identificar contido xerado con sistemas dos socios de Google. Entre os nomes citados figuran OpenAI, nVIDIA e Kakao, mentres que Apple está prevista como próxima incorporación.
A identificación mediante SynthID compleméntase con outras funcións de verificación integradas na Busca de Google, Gemini e Chrome. Estas ferramentas procesan actualmente máis dun millón de solicitudes diarias relacionadas coa comprobación e obtención de contexto sobre contidos multimedia.

