
O Goberno de Noruega prepara unha prohibición temporal do uso de lentes con IA en determinados espazos públicos, ante o risco de que permitan fotografar, gravar vídeo ou realizar gravacións de audio doutras persoas sen o seu coñecemento. A medida irá acompañada da creación dun grupo de expertos encargado de estudar unha regulación nacional permanente para este tipo de tecnoloxía.

O ministro de Dixitalización e Administración, Torgeir Micaelsen, explicou que a intención é dispoñer de tempo para analizar os efectos das lentes con IA e abrir un debate sobre os límites do seu uso. «Estamos preocupados pola introdución dunha nova e potente tecnoloxía na que as persoas corren o risco de ser fotografadas, filmadas ou gravadas sen sabelo», sinalou.
A prohibición podería aplicarse a lugares polos que transita habitualmente a poboación, como parques, praias, museos, centros comerciais e eventos públicos. Tamén se contempla estendela a espazos especialmente frecuentados por menores, entre eles escolas, garderías, parques infantís e clubs de ocio, así como a universidades e outros centros educativos.
Os lugares nos que a protección da privacidade ten especial relevancia tamén poderían quedar incluídos. A proposta menciona centros sanitarios, piscinas, ximnasios e instalacións con vestiarios ou duchas. O alcance exacto da medida aínda deberá determinarse durante a elaboración do proxecto lexislativo.
O Goberno noruegués aínda debe decidir que dispositivos estarán sometidos á prohibición. A análise deberá determinar se afectará especificamente ás lentes con cámara e gravación de audio, ás que incorporen ademais funcionalidades de IA ou tamén a outros dispositivos de tecnoloxía corporal que dispoñan de cámaras, micrófonos ou capacidades de intelixencia artificial.
A intención non é establecer unha prohibición xeral das lentes con IA nin doutras tecnoloxías corporais. O futuro marco contemplará posibles excepcións para grupos vulnerables e determinados usos de interese social, ademais de permitir o emprego privado e aqueles escenarios nos que non exista risco de gravar ou fotografar outras persoas sen o seu consentimento.
O Executivo noruegués pretende presentar ao Storting (o Parlamento de Noruega) unha proposta de lei para establecer a prohibición temporal «tan rápido como sexa posible». Paralelamente, un grupo de expertos realizará un estudo máis amplo sobre os desafíos asociados á tecnoloxía corporal e formulará recomendacións para unha regulación permanente.

