
A nova investigadora Carolina Rodríguez González, natural do Rosal, está a liderar un traballo de investigación no que mobiliza a adolescentes de entre 15 e 16 anos do Baixo Miño para coñecer as súas experiencias e inquietudes nos espazos dixitais.
O estudo encádrase na actividade do Programa de Doutoramento en Equidade e Innovación en Educación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), do que forma parte a investigadora.
En concreto, búscase coñecer como usan as novas xeracións ferramentas que xa forman da súa vida cotiá como redes sociais, móbiles e pantallas.

A investigación céntrase nas prácticas dixitais adolescentes, desde a maneira na que mozos e mozas conviven acotío cos medios dixitais ata aquelas cuestións que lles preocupan das súas experiencias en liña. Para avanzar no estudo, Rodríguez busca a participación de adolescentes de entre 15 e 16 anos do Baixo Miño que queiran compartir as súas experiencias e vivencias.
Para o concelleiro de Novas Tecnoloxías e Dixitalización, Alejandro González, é unha satisfacción poder apoiar coa difusión “o traballo dunha investigadora rosaleira que está desenvolvendo unha tese nun ámbito de tanta actualidade e interese social e colaborar e que pon no centro a propia voz da mocidade para comprender unha realidade que forma parte inseparable do seu día a día”.
Participación anónima e confidencial
As persoas de 15 ou 16 anos residentes no Baixo Miño interesadas en participar poden facelo cubrindo un formulario dixital habilitado pola investigadora. Todo o proceso será anónimo e confidencial.
O estudo conta co financiamento do Programa de axudas á etapa predoutoral da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia (ED481A-2025-40) e coa aprobación do Comité de Ética na Investigación da Universidade de Santiago de Compostela.

