
A primeira WorldCamp da Coruña celebrarase entre o 16 e o 18 de outubro na Facultade de Dereito da UDC contando con relatores de diversos países e poñendo o foco nos retos sociais e empresariais do noso día a día na Rede.
Será tamén un foro de debate sobre se a Intelixencia Artificial destruirá empregos, sobre como evitar sancións nas tendas en liña ou sobre o fenómeno psicolóxico do esgotamento dixital. A vertente solidaria do encontro mobilizará a expertos europeos para construír páxinas web de balde a organizacións sen ánimo de lucro galegas.
Fóra dos “tradicionais congresos herméticos”, a cita converterá a cidade nun laboratorio de debate aberto sobre as grandes inquietudes da nosa era dixital, segundo avanza a organización, explicando que pola banda empresarial e económica, a avogacía dixital poñerá riba da mesa os dez fallos legais máis comúns e as sancións ás que se enfrontan cada día os pequenos negocios galegos cando abren unha web ou un comercio electrónico sen o asesoramento axeitado.
O factor humano e o benestar tamén terán un peso clave nun momento no que o ritmo das pantallas esgota a profesionais e novos perfís. Deste xeito, o evento abrirá espazos para analizar o impacto psicolóxico da hiperconectividade e o fenómeno do esgotamento dixital.
“Todo isto”, apuntan os impulsores do evento, “sen esquecer a vertente máis solidaria do sector, xa que o arranque da cita mobilizará a expertos internacionais nun maratón onde se deseñarán e construirán de balde espazos dixitais para entidades sociais e organizacións sen ánimo de lucro do territorio”.
Con este enfoque, a WordCamp Galicia na Coruña busca “consolidarse como un foro de reflexión cidadá sobre o modelo tecnolóxico no que vivimos”.
Contarase (entre outras/os relatoras/es) coa presenza de Ivelina Dimova e Marcel Schmitz (expertos en IA e privacidade, que ofrecerán a alternativa fronte ás grandes tecnolóxicas, explicando como funcionan os axentes autónomos locais sen comprometer os datos corporativos na nube), do experto galego en dereito e novas tecnoloxías Víctor Salgado (especialista en advertir sobre os riscos, multas e vacíos legais máis habituais que poñen en xaque aos pequenos comercios e autónomos galegos con tendas en liña) e de Francisco Javier Giménez (instrutor da ONCE, que achegará unha demostración práctica e necesaria sobre a accesibilidade web universal e os muros invisibles aos que se enfrontan as persoas cegas na Rede).
Tamén haberá unha mesa redonda de IA con Fernando Puente, Ana Rute Mendes, Nora Ferreirós e José Freitas. Será un debate aberto e plural sobre se a automatización destruirá ou redefinirá o mercado laboral e profesional actual.
Amais, noutra mesa Lidia Marbán, Seu Bermúdez e Yolanda Iglesias afondarán na psicoloxía, a superación da fatiga dixital, a síndrome do impostor e a necesidade de xestionar a saúde mental fronte ao ritmo da hiperconectividade.

