
A XIX edición de Culturgal reunirá no Pazo da Cultura de Pontevedra a máis de 800 artistas e creadores en 200 espectáculos e actividades para todas as idades. A Feira das Culturas Galegas celebrarase do 26 ao 29 de novembro. Ademais dos espectáculos, contará con 100 postos; 10 galerías de arte; sete escenarios cunha programación continua; 12 espectáculos para público familiar; seis concertos; 25 actividades literarias, actividades de videoxogos e de audiovisuais
As actividades no auditorio do Pazo da Cultura serán de xoves a domingo, abrindo o xoves co musical As Cigarreiras, un espectáculo total de música, baile e teatro, coa Banda Municipal da Coruña, Cantigas da Terra, e o grupo Santaia (21h).

En audiovisual, Culturgal vai facer en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual un maratón de curtas producidas en Galicia durante este ano, e proxectaranse tamén unha boa parte dos traballos documentais producidos en Galicia no 2026.
Haberá un pase restrinxido de Kiro, o documental sobre a artista galega Ana Kiro; a presentación de Planeta Pampín, con Pili Pampín, de Voz Audiovisual, e tamén a presentación da nova serie de ficción da TVG, Clínica Miranda.
No sector dos videoxogos, Culturgal terá este ano O barrio dos videoxogos, no que se agruparán os colectivos do sector e, ademais das actividades para xogar (Recuncho Gamer), celebrarase un encontro sobre as game jam que se celebran en Galicia (as game jam e o seu papel na comunidade e na creación: unha sesión programada para o domingo 29 de novembro ás 16.00 h no Escenario Música). Haberá debates sobra industria do videoxogo e propostas para pública infantil.
