
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou hoxe en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou á oceanógrafa Aida Fernández Ríos (Vigo, 1947 – Moaña, 2015) como Científica Galega 2026. Ademais, entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicas e científicos da nosa comunidade.
Ao evento, presidido pola reitora da Universidade de Santiago, Rosa Crujeiras, asistiron a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o presidente da RAGC, Juan Lema; a directora de GAIN, Carmen Cotelo; o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao; o vicerreitor de Investigación da Universidade de Vigo, Manuel Martínez; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra; a vicepresidenta adxunta de Áreas Científico-Técnicas do CSIC, Elena Cartea; a delegada do CSIC en Galicia, Carmen González; así como académicas e académicos da RAGC e representantes de institucións políticas, científicas, educativas, culturais e de investigación galegas.

O presidente da Academia destacou que “Aida Fernández Ríos foi unha investigadora capaz de identificar problemas relevantes e de situalos nun contexto internacional, converténdose nunha científica respectada moito máis alá de Galicia e abrindo camiños para outros. Demostrou que se pode estar profundamente ligado a este país e, ao mesmo tempo, participar na ciencia internacional de maior nivel. Ese é un dos legados máis valiosos que podemos recoller da súa figura: desde Galicia pódese contribuír aos grandes problemas da ciencia”.

Tamén interveu no acto Gabriel Rosón, catedrático da facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo, quen traballou coa homenaxeada no Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM-CISC), centro no que Aida desenvolveu a súa traxectoria profesional e foi primeira muller en dirixilo. Impartiu unha conferencia na que explicou que os primeiros traballos científicos de Aida enfocáronse primeiro en avaliar e comprender as causas da extraordinaria riqueza das rías galegas, para logo estudar as masas de auga do Atlántico Norte. Salientou que impulsou unha liña innovadora centrada nos intercambios de CO₂ entre o océano e a atmosfera. Neste contexto, desenvolveu un sistema pioneiro para medir de xeito continuo a presión de CO₂ na auga do mar. Deseñado para operar de maneira completamente automática a bordo de buques oceanográficos, este sistema permitiu obter rexistros continuos de CO₂ tanto na auga como na atmosfera.
Entrega das Medallas de Investigación de Galicia
O presidente da RAGC, Juan Lema, salientou que “hoxe é un día para recoñecer a excelencia científica de Galicia. A Real Academia Galega de Ciencias entrega as súas Medallas de Investigación a cinco científicos e científicas que representan moi ben a calidade e tamén a diversidade da investigación que se fai no nosa comunidade. As Medallas son tamén unha forma de estimular os nosos investigadores e investigadoras e de dar a coñecer á sociedade o seu traballo e o seu esforzo, que non sempre reciben a visibilidade e o recoñecemento que merecen”.
- Mabel Loza, Medalla de Investigación en Bioloxía e Ciencias da Saúde, é catedrática de Farmacoloxía na Universidade de Santiago e directora do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS). Recibe este recoñecemento pola súa contribución ao descubrimento temperán de fármacos, que sitúa a Galicia como líder nacional e un dos polos de innovación europeos no sector. O presidente da RAGC destacou que “representa de maneira extraordinaria a capacidade de converter coñecemento biomédico en novas oportunidades terapéuticas”.
- Sebastian Villasante, profesor de Economía Aplicada da USC e investigador do CRETUS (Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais), recibiu a medalla da sección de Ciencias Económicas e Sociais por converter a Galicia nun referente internacional no estudo do impacto socioeconómico do cambio climático nos océanos. “O seu traballo incorporou ao estudo dos ecosistemas mariños as persoas que viven deles, as comunidades costeiras, as institucións e os mecanismos económicos que determinan o uso dos recursos”, afirmou Lema.
- Leandro Alejano, catedrático de Mecánica das Rochas na Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, foi galardoado en Ciencias Técnicas por ter impulsado a mellora da seguridade das explotacións mineiras. “O coñecemento da mecánica das rochas resulta fundamental para a seguridade das explotacións mineiras, das grandes obras civís e de numerosas intervencións sobre o territorio. O seu traballo combinou investigación, desenvolvemento de metodoloxías e aplicación a problemas concretos”, sinalou o presidente.
- Rosa Crujeiras, catedrática de Estatística e Investigación Operativa na Universidade de Santiago e actual reitora da USC, foi recoñecida no eido das Matemáticas, Física e Ciencias da Computación como grande impulsora da transferencia da investigación matemática á industria. “Representa o enorme valor que adquiriu a estatística nunha sociedade baseada cada vez máis nos datos. A súa é unha maneira moderna de entender a investigación, aberta á colaboración con outras disciplinas e atenta aos problemas que formula a sociedade”, apuntou Lema.
- Francisco Rivadulla, catedrático de Química Física da USC e investigador do CiQUS -Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares-, experto no deseño de novos materiais para a conversión de enerxía, recibiu a medalla da sección de Química e Xeoloxía. “O seu traballo sobre novos materiais é un ámbito particularmente relevante para moitas das tecnoloxías que determinarán o noso futuro”, destacou o presidente da RAGC.

