
Xbox Game Pass incorporará oito xogos ao seu catálogo entre o 21 de outubro e o 3 de novembro, con lanzamentos como Final Fantasy VII Remake Intergrade, The Séance of Blake Manor e Mouthwashing. A selección inclúe tamén novas propostas de terror, aventuras cooperativas e xogos de plataformas, ademais da chegada de Sandustry ao nivel Premium.
Sandustry estará dispoñible desde o 21 de outubro en PC para os subscritores de Game Pass Premium, tras formar parte dos catálogos Ultimate e PC Game Pass. Este xogo de construción de fábricas permite explorar mundos completamente destrutibles, extraer recursos e automatizar cadeas de produción cada vez máis complexas, mentres se investigan os segredos dunha antiga civilización.
O 22 de outubro chegará Dodo Duckie, para a nube, Xbox Series X|S e PC, incluído en Game Pass Ultimate, Premium e PC Game Pass. Esta aventura de plataformas e crebacabezas xira arredor dun pato capaz de alternar entre escenarios en dúas e tres dimensións grazas a unha gorra máxica. A mecánica permite descubrir camiños ocultos, resolver enigmas e rescatar os seus amigos.

Scramble Knights Online incorporarase o 26 de outubro en acceso anticipado, con versións para a nube, Xbox Series X|S e PC. Incluído en Game Pass Ultimate e PC Game Pass desde o seu lanzamento, este xogo de rol de acción con compoñente multixogador en liña permite explorar o reino de Terracott, completar misións, superar alxubes e combater monstros en grupo. Os recursos obtidos serven para fabricar equipamento co que afrontar novos desafíos.
O 27 de outubro será a quenda de The Séance of Blake Manor, unha aventura de investigación sobrenatural ambientada en Irlanda en 1897. Os xogadores deberán esclarecer a desaparición dunha moza nun hotel remoto no que se agochan segredos e fenómenos inexplicables. O título estará dispoñible na nube, Xbox Series X|S e PC para os usuarios de Game Pass Ultimate, Premium e PC Game Pass.

Tras todos estes xogos irrelevantes, o 29 de outubro chegará Final Fantasy VII Remake Intergrade en versións para a nube, Xbox Series X|S e PC, incluído nos tres niveis de subscrición. Esta versión revisa a historia orixinal ata a fuxida de Midgar, con gráficos mellorados, contido narrativo adicional e un sistema de combate que combina a acción en tempo real con ordes estratéxicas.
Tamén o 29 de outubro se incorporará Mouthwashing, un xogo de terror psicolóxico protagonizado polos cinco tripulantes da nave Tulpar, atrapados nunha zona remota do espazo. Desenvolvido por Wrong Organ e publicado por Critical Reflex, estará dispoñible na nube, Xbox Series X|S, dispositivos portátiles compatibles e PC, dentro de Game Pass Ultimate, Premium e PC Game Pass.

Ese mesmo día regresará Plants vs. Zombies con Plants vs. Zombies: Trasplantado, unha versión en alta definición do clásico de defensa da horta fronte ás hordas de zombis. A edición recupera os enfrontamentos orixinais e engade novos niveis. Poderase xogar na nube, consola e PC mediante Game Pass Ultimate e PC Game Pass, ademais de estar dispoñible para os membros de EA Play.

A lista do 29 de outubro complétase con Terrible Lizards, o primeiro xogo de WDR Studios, un estudo fundado polos creadores vinculados a JTMusic. Esta proposta de terror e parkour aposta pola mobilidade para escapar das ameazas, en lugar de enfrontarse directamente a elas. Estará dispoñible desde o primeiro día na nube, Xbox Series X|S e PC para os subscritores de Game Pass Ultimate e PC Game Pass.

A última incorporación anunciada para este período será Pit of Goblin, o 3 de novembro. Trátase dunha aventura cooperativa de terror en liña na que os xogadores encarnan trasnos que deben saquear alxubes, esquivar trampas e fuxir de monstros para alimentar o Rei e a Raíña dos Trasnos. Poderase xogar na nube, Xbox Series X|S e PC, con acceso a través de Game Pass Ultimate, Premium e PC Game Pass.
