
O Cormorán Film Fest volverá á Coruña do 5 ao 15 de novembro cunha sétima edición para descubrir outras miradas sobre o cinema contemporáneo. Como primeiro avance, o festival presenta o seu cartel, elaborado a partir dun recorte dunha fotografía de David Couce que captura o fenómeno do raio verde. Segundo a organización, “a imaxe enlaza a fascinación que espertou este ano a eclipse na cidade cunha invitación a descubrir os intres únicos que a luz e o ceo ofrecen máis alá dos grandes acontecementos astronómicos”.

O festival está organizado por Cormorán Cinema e polo Concello e a Deputación da Coruña, co apoio (tamén) de Abanca, a Fundación Luís Seoane, a Universidade Internacional Menéndez Pelayo e o ICAA. A dirección e programación corre a cargo de Manuel Lógar.
O cartel incorpora tamén unha referencia cinematográfica: este ano cúmprense 40 anos da estrea de El rayo verde (Le Rayon vert, 1986), de Éric Rohmer. O fugaz escintileo que dá título ao filme conecta así coa proposta visual do Cormorán e coa súa vontade de convidar o público a deterse, observar e descubrir outras formas de mirar.
Dende a organización engaden que “a expectación pola eclipse inspira esta elección e enlaza cunha das iniciativas impulsadas este verán pola asociación cultural Cormorán Cinema, organizadora do festival: a primeira edición da residencia CormoKamp”. Concibida como un espazo de encontro e acompañamento para cineastas con proxectos en desenvolvemento, a proposta combinou o traballo sobre esas futuras películas coa creación dunha curtametraxe colectiva arredor da eclipse.
Da residencia á pantalla
O público poderá achegarse aos resultados deste proceso durante o Cormorán Film Fest. A programación incluirá a proxección da curtametraxe colectiva realizada na residencia e unha sesión de pitchings, na que os seus participantes presentarán os proxectos desenvolvidos en CormoKamp ante o público e profesionais do festival. Será “unha oportunidade para coñecer as propostas, os seus procesos creativos e as persoas que están detrás delas”, informan.
A presentación do cartel e o anuncio das datas constitúen o primeiro avance desta edición do Cormorán Film Fest, que dará a coñecer a súa programación completa o martes 27 de outubro. Como novidade nesta edición, a selección realizouse baixo unha temática concreta, que será o fío condutor de todas as obras.
