
O 24,6 % das empresas galegas con dez ou máis empregados xa emprega intelixencia artificial na súa actividade produtiva, nove puntos máis que hai un ano, segundo a enquisa sobre o uso das TIC e o comercio electrónico nas empresas 2025-2026, publicada polo INE este 22 de outubro.
Galicia sitúase entre as cinco primeiras comunidades autónomas no uso de software de planificación de recursos empresariais (ERP). O 64,7 % das empresas galegas con conexión a internet e dez ou máis empregados utiliza estas ferramentas, 3,8 puntos por riba da media estatal, que se sitúa no 60,9 %.
O 79,8 % das grandes empresas galegas con conexión a internet dispón de páxina web, mentres que o 30,6 % permite o teletraballo. A enquisa tamén sitúa Galicia á cabeza do Estado no uso de software de código aberto: emprégano o 83 % das grandes empresas, fronte ao 79,1 % da media estatal.
A Comunidade destaca igualmente pola conectividade das empresas de maior tamaño. O 88,3 % dispón de conexións a internet de 100 Mbps ou máis, a porcentaxe máis elevada de todas as comunidades autónomas.
Formación e especialistas TIC
O 16,9 % das grandes empresas galegas ofreceu formación en tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) aos seus empregados durante 2025. Nestes casos, o 37,9 % das actividades formativas foron desenvolvidas por persoal propio.
A contratación de especialistas en ciberseguridade tamén medrou no último ano entre as grandes empresas galegas, ao pasar do 3,6 % ao 6,1 %.
Entre as empresas con menos de dez empregados, o 29,5 % utiliza medios sociais e o 35,9 % dispón de páxina web.
