
A Televisión de Galicia contratou por 443.872,53 euros a produción de dez entregas de Os crononautas, un espazo de divulgación histórica que combina presentacións, entrevistas e recreacións xeradas con intelixencia artificial. A cifra do contrato fíxose pública despois de que a dirección da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG) non respondese ás preguntas formuladas por O Salto sobre o custo da produción e os criterios para introducir ferramentas de IA xenerativa na televisión pública. Tras varias semanas de espera, o medio recorreu á Lei de Transparencia para acceder á información.
A documentación recibida confirma que a TVG contratou MBC Servicios Audiovisuales SL para realizar dez programas de 45 minutos, cun importe de 36.683,68 euros máis IVE por entrega. O custo total ascende a 443.872,53 euros.

Presentado por Trisha Fernández e David Vilares, Os crononautas propón unha viaxe por diferentes etapas da historia galega, desde a Prehistoria ata a época contemporánea. O formato combina visitas a lugares patrimoniais, entrevistas con especialistas e recreacións da vida cotiá, con contidos sobre a cultura castrexa, a conquista romana, o Reino suevo e a Galicia medieval, entre outros períodos.
Dende O Salto apuntan a que a estrea, o 10 de setembro, reuniu unha audiencia media de 32.000 espectadores e acadou un 5,3 % de cota de pantalla. A segunda entrega, emitida o 17 de setembro, rexistrou os mesmos resultados. As dúas emisións quedaron por debaixo da media mensual da canle, que foi do 8,1 %, aínda que non semella moi atinado medir o resultado dun contido audiovisual deste tipo pola súa audiencia.
Tamén critican que as primeiras imaxes difundidas do programa xa mostraban algúns dos problemas habituais das recreacións audiovisuais xeradas mediante intelixencia artificial, como movementos pouco naturais, incoherencias na iluminación e cambios nos fondos. Entre as escenas sinaladas figuran recreacións de guerreiros viquingos que parecen loitar contra o aire.
Formato galego exportado a outras televisións autonómicas

Pese ao cuestionamento sobre os contidos audiovisuais creados mediante IA xenerativa, a luguesa MBC Content está a producir adaptacións de Crononautas para catro televisións autonómicas: a galega, a madrileña, a aragonesa e a de Castela-A Mancha. O formato, desenvolvido inicialmente en Galicia, mantén unha estrutura común que se adapta á historia, ao patrimonio e á identidade de cada territorio.
A produtora presenta o espazo como unha combinación de divulgación histórica e entretemento que integra rodaxes en localizacións reais, investigación documental e recursos tecnolóxicos para reconstruír épocas e acontecementos do pasado. As recreacións dixitais, a produción virtual, os efectos visuais e a intelixencia artificial xenerativa combínanse coas imaxes gravadas polos equipos audiovisuais.
