
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe en Expourense na xornada Intelixencia artificial orientada ao comercio e aos centros comerciais, organizada no marco do proxecto transfronteirizo Digital_Expo, que busca impulsar a modernización e a transformación dixital dos recintos feirais e centros expositivos de Galicia e do norte de Portugal.
Alén puxo en valor iniciativas coma esta, que permiten coñecer, a través de experiencias reais, as oportunidades que ofrece a intelixencia artificial para mellorar a competitividade do sector comercial. Entre os seus posibles beneficios figuran o incremento das vendas, a optimización da xestión e a dinamización da actividade comercial.
A xornada inclúe intervencións centradas nas aplicacións prácticas da IA no comercio, desde a xestión dos recintos comerciais ata as posibilidades que estas ferramentas ofrecen para o pequeno comercio. Entre os exemplos abordados están a automatización das tarefas de xestión nos pequenos establecementos e a mellora dos procesos de venda.
Digital_Expo está liderado pola Xunta e conta coa participación de Expourense, a Universidade de Vigo e as cámaras municipais de Viana do Castelo, Ponte de Lima e Arcos de Valdevez. O proxecto está cofinanciado pola Unión Europea a través do programa Interreg VI-A España-Portugal (Poctep) 2021-2027, prolongarase ata o 31 de decembro de 2027 e dispón dun orzamento superior ao millón de euros.
