
O Ministerio para a Transformación Dixital analizou a presenza de fibra óptica no territorio nacional e os resultados son dispares e achegan (como era de agardar) un claro contraste entre os territorios máis urbanizados e os que non. Estes últimos, por desgraza, son os que perden a batalla en materia de servizos e calidade da conexión. Por exemplo Ourense, onde a Rede de alta velocidade só chega ao 80,95% dos fogares, quince puntos menos que a media estatal. A provincia galega ocuparía deste xeito último chanzo da clasificación.
Segundo informou La Región, o escenario é aínda máis preocupante se temos en conta que en 2023 Ourense ocupa a cuarta provincia pola cola cun 74,68 das vivendas conectadas, por diante de Ávila, Soria e Lugo. Hoxe en día xa foi superada por todas estas provincias.
A falta de cobertura tamén presenta grandes diferenzas dentro da propia provincia. Mentres que na cidade de Ourense a fibra óptica chega ao 97% dos fogares e en cabeceiras comarcais como Verín ou O Barco de Valdeorras supera o 90%, hai 16 concellos nos que a rede non alcanza nin a metade dos fogares. A fenda entre os núcleos urbanos e as zonas rurais evidencia as dificultades para garantir o acceso ás conexións de alta velocidade en boa parte do territorio ourensán.
A situación máis grave dáse en A Veiga, no leste montañoso da provincia, onde só o 13,4% dos fogares dispón de fibra óptica. Os datos tamén son especialmente baixos en Parada de Sil, cunha cobertura do 17,7%, e en Chandrexa de Queixa, onde a rede chega unicamente ao 20,8% das vivendas.
A lista de concellos con menor implantación da fibra inclúe tamén Vilariño de Conso, Manzaneda, Calvos de Randín, Laza, Lobeira e Verea, todos eles con menos do 30% dos fogares conectados. Nestas zonas do interior, numerosas parroquias e aldeas continúan sen acceso á infraestrutura física de telecomunicacións de alta capacidade.
As diferenzas territoriais condicionan as posibilidades de acceso a servizos dixitais que precisan dunha conexión estable e rápida, desde o teletraballo e a educación en liña ata a utilización de servizos públicos electrónicos. A escasa cobertura nas áreas menos poboadas supón así un obstáculo adicional para os veciños e para as actividades económicas que dependen dunha boa conexión a Internet.
