
Natasha Bachini, socióloga e investigadora da Universidade de São Paulo (USP), impartirá o vindeiro 9 de novembro, ás 13.00 horas, un seminario na FaCom baixo o título Discurso de odio e éxito electoral: unha correlación? Dinámicas dixitais e democracia no Brasil.
A actividade, organizada polo Grupo Novos Medios da Universidade de Santiago, enmárcase na visita que Bachini fai á USC como parte do equipo de investigación do proxecto Culturas algorítmicas, ecoloxías de datos e medios sintéticos dirixido por Emiliano Treré. O seminario celebrarase na Aula de Doutoramento do centro.
Este encontro reforza a aposta de Novos Medios e da Facom por achegar ao estudantado e ao persoal docente e investigador análises especializadas sobre os retos que afrontan as democracias contemporáneas no ámbito da comunicación política e dos espazos dixitais.
Segundo o grupo da USC, a pertinencia da actividade resulta “especialmente relevante nun contexto internacional marcado pola crecente polarización política e polo debate arredor do papel das redes sociais na formación da opinión pública”.
O seminario propón unha reflexión sobre a posible relación entre os discursos de odio, a circulación de contidos en plataformas dixitais e os rendementos electorais, “tomando Brasil como caso de estudo pero cun evidente interese comparado para outras democracias”, adiantan dende a USC.
A actividade permitirá ademais coñecer de primeira man as investigacións desenvolvidas desde a academia brasileira sobre fenómenos que transcenden as fronteiras nacionais e que forman parte dos principais debates internacionais sobre comunicación política, democracia e regulación dos espazos dixitais.
Natasha Bachini
Natasha Bachini Pereira é socióloga e investigadora da Universidade de São Paulo (USP). Doutora en Socioloxía polo Instituto de Estudos Sociais e Políticos da Universidade do Estado do Río de Janeiro (IESP-UERJ) e mestra en Ciencias Sociais pola PUC-SP, desenvolve a súa actividade académica no ámbito da socioloxía política e da comunicación.
A súa investigación céntrase especialmente na relación entre política, medios dixitais e democracia, con liñas de traballo sobre ciberactivismo, comunicación e discurso político, campañas electorais, desinformación, movementos sociais, autoritarismo e plataformas dixitais. Ten participado en investigacións sobre o uso das redes sociais nas eleccións brasileiras e sobre a comunicación política no contorno dixital.
