
Este luns celebrouse no Campus de Pontevedra (UVigo) a xornada Comunica en galego, que permitiu coñecer diferentes proxectos divulgativos en redes sociais, relacionados coa arte, a música, a literatura e os municipios de Galicia. O obxectivo concreto desta edición foi “achegar unha reflexión arredor do papel do galego no ámbito da comunicación e a creación de contidos en redes sociais”.
Promovida pola Facultade de Comunicación, co patrocinio da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra, esta actividade contou coas intervencións de Candela Battiato, Paula Cantelar e Blanca Navarrete e Raúl Salgueiro, todos eles profesionais da comunicación formados nas tres universidades públicas galegas.
A decana, Enma Torres, lembrou que a Facultade de Comunicación conta co selo de galeguidade da UVigo polo seu compromiso co idioma. Isto levouna a incidir na importancia que ten “a defensa da nosa lingua e da nosa cultura” na formación das futuras e futuros profesionais da comunicación. Neste punto, Torres lembrou que nun momento no que “estamos a vivir unha serie de campos bastante grandes, o papel da comunicación é fundamental, ata o punto de que podemos incluso afirmar que a comunicación está creando a sociedade”.
Catro experiencias de divulgación en galego

Do mural ás redes: como comunicar a nosa cultura? era o título do relatorio co que a divulgadora Candela Battiato abriu esta edición de Comunica en galego. Nel afondou na súa experiencia no proxecto @sonsdecande, perfil de divulgación cultural que pon o foco en aspectos como os murais que poden atoparse no rural de Galicia. Titulada en Comunicación Audiovisual pola Universidade da Coruña, Battiato abordou a súa traxectoria neste proxecto, para logo presentar ao alumnado “como estruturo os contidos” explicou, pondo finalmente o foco na importancia da comunicación en galego. “Fai que poidamos proxectar ao mundo a nosa cultura, o noso territorio e a nosa identidade”, salientou esta divulgadora, que incidiu tamén en como o uso do idioma nos vídeos e no seu subtitulado pode contribuír a achegar estes contidos ao espazo da lusofonía.

Xornalista de La Sexta, Paula Cantelar centrou o segundo dos relatorios no proxecto @trescentostrece, gañador da Bolsa Nacho Mirás do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e que leva a cabo xunto a Xoel Rodríguez e Iria Ramos. O seu obxectivo é percorrer os 313 municipios de Galicia para contar a súa diversidade cultural, social e histórica, o que levouna a afondar “en como nos organizamos entre tres amigos, que traballamos do mesmo, para poder percorrer todos os concellos”. Neste punto, recoñeceu que os tres compartían a vocación de “comunicar nas redes en galego”, o que levouna a animar ao alumnado a empregar estas plataformas para “dar a coñecer o que teñen que contar ao mundo”, pero tamén como “escusa” para “aprender a desenvolverse en galego”.
“Para min, as redes foron unha incentivo para integrar máis o galego no meu día a día, porque sentía que tíñao un pouco relegado ao ámbito doméstico”, sinalou nesa mesma liña Blanca Navarrete, protagonista do terceiro relatorio da xornada. Titulada en Comunicación Audiovisual pola USC, Navarrete lembrou que ese obxectivo levouna a impulsar o seu perfil @_blancanavarrete_, centrado na música en galego, afondando en como “pouco a pouco fun atopando a miña voz, o meu estilo e o meu nicho”, nun proxecto que iniciou coa idea de “experimentar e pasalo ben”. De aí que convidase ao alumnado “a probar cousas novas e a que non teñan medo de empregar máis o galego para falar do que lles gusta”, pondo de relevo que o uso deste idioma en redes non debe verse “relegado” a cuestións relacionadas con Galicia.
A última das intervencións tivo como eixo un proxecto nacido na propia Facultade de Comunicación, Raulillo de Bolsillo, un perfil de divulgación literaria en galego que o xornalista Raúl Salgueiro ideou como traballo final para o Máster en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais. Ademais de trazar tamén un percorrido polos diferentes proxectos en redes sociais que levou a cabo nos últimos anos, Salgueiro abordou tamén na súa intervención como a divulgación en galego contribúe á “xeración dunha comunidade”.
