
O proxecto Aldeia, impulsado polos estudantes da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo da USC Adrián Otero, Jennifer López, Inés Verdes e Gisela Villanueva, impúxose finalmente no certame Terra Creative Jam, iniciativa innovadora do Campus que ten como propósito fomentar a implicación da comunidade universitaria e a mocidade coas zonas rurais.
Rexistrando os seus patróns de comportamento con axuda da Intelixencia artificial, o sistema Aldeia alerta as familias antes calquera anomalía na rutina diaria das persoas maiores para ofrecerlles tranquilidade e mantelas conectadas. O sistema non se limita a ser unha simple alarma, senón que emprega tecnoloxía intelixente de xeito non invasivo para protexer as persoas maiores. De feito, a IA A IA encárgase de aprender e monitorizar os hábitos diarios da persoa maior na súa vivenda (a que hora se ergue, cando cociña, os seus movementos habituais, etc.). Deste xeito, se o algoritmo detecta calquera comportamento estraño ou fóra do común (por exemplo, que a persoa leve demasiadas horas sen moverse ou que non espertase á súa hora habitual), a IA activa unha alerta automática.
O segundo premio do certame foi parar a Fartura na Rúa de Icaro Santana, Jesús Álvarez, Iris Faria e María González. Trátase dun programa multimedia que, utilizando a cociña como reclamo principal, busca instruír e educar a persoas do rural e da terceira idade con pequenos obradoiros nos que se busca que se axuden de ferramentas dixitais e modernas, como por exemplo, unha airfryer ou Alexa, para facer tarefas de forma máis sinxela.
Finalmente, Víctor Pombo, Cristóbal Aceituno, Elisa López, María Carollo e Roberto Penas acadaron o terceiro chanzo do Terra Creative Jam con FOSSO, un proxecto que propón transformar residuos de fosas sépticas en biogás para calefacción e compost, impulsando a economía circular e a sustentabilidade rural. O seu proxecto piloto exponse en Coeses (Lugo).
O Terra Creative Jam desenvolveuse os días 24 e 25 de outubro na Facultade de ADE da USC. As mellores propostas recibirán premios, apoio institucional, posibles vías de financiamento e ter a posibilidade de incubarse e desenvolverse dentro do proxecto LIRES, así como nos programas de emprendemento da USC para converter o seu proxecto nunha iniciativa real.
