
O primeiro encontro científico de carácter internacional que reunirá persoal investigador e especialistas de diferentes universidades e institucións para abordar os desafíos actuais da educación e compartir perspectivas sobre o futuro da investigación educativa terá lugar o xoves 12 de novembro na compostelá Facultade de Ciencias da Educación da USC (Campus Sur).
Co título de: Impulsando unha cidadanía crítica: unha ollada dende a axenda científica do ICE, o dito Instituto de Ciencias da Educación (ICE) da Universidade de Santiago de Compostela desenvolverá este encontro que se dividirá en dúas sesións complementarias. A programación matinal estará adicada á intelixencia artificial, á desinformación e á violencia de xénero dixital, coa presentación dos resultados do proxecto de investigación DESVELA-VX como eixo central. Pola tarde, a xornada centrarase na axenda científica do ICE e nos retos de futuro da investigación educativa, coa participación de especialistas de universidades de España, Portugal e Eslovenia.
Indo á xornada en cuestión, dicir que dará comezo ás 9 horas e a continuación Lorenzo Cotino Hueso, presidente da Axencia Española de Protección de Datos (AEPD), impartirá a conferencia inaugural Protección de datos e Intelixencia Artificial: garantías e retos. Posteriormente, ás 10 horas, as investigadoras Lorena Casal-Otero e Carmen Fernández-Morante presentarán os resultados do proxecto DESVELA-VX.
Esta investigación aborda a desinformación, os deepfakes sexuais e a violencia de xénero dixital na comunidade universitaria desde tres dimensións complementarias: o diagnóstico destas problemáticas, a análise dos marcos xurídicos de protección e o desenvolvemento de estratexias educativas de prevención con perspectiva de xénero.
O programa continuará con tres mesas redondas que permitirán abordar estas cuestións desde perspectivas tecnolóxicas, xurídicas e educativas. A primeira sesión analizará as infraestruturas de intelixencia artificial e computación fronte á violencia dixital, coa participación de especialistas do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e da propia USC.
A segunda mesa centrarase nas garantías xurídicas e na protección dos dereitos dixitais ante os retos da IA, mentres que a terceira abordará a alfabetización mediática e as ferramentas educativas con perspectiva de xénero. Estas sesións contarán coa participación de especialistas das universidades de: Alcalá de Henares, Salamanca, Complutense de Madrid, Sevilla ou Euskadi.
A programación da tarde comezará ás 15.30 horas cunha presentación institucional do ICE. A continuación, Julio Ruiz Palmero (Universidade de Málaga), impartirá unha conferencia plenaria sobre o uso ético e crítico da intelixencia artificial na educación desde a perspectiva de xénero.
Despois desenvolverase unha sesión de análise experta da axenda científica do ICE centrada nos retos de futuro da investigación educativa. Mercedes González Sanmamed (Universidade da Coruña) abordará a profesionalización docente e a innovación educativa, mentres que María de Lima Torres (Universidade de Minho) analizará os sistemas, as políticas e as institucións educativas.
Completarán a sesión Julio Cabero Almenara (Universidade de Sevilla), que falará de como impulsar a cidadanía dixital e os ecosistemas de formación con tecnoloxías; Miguel A. Santos Rego, da USC, abordará o reto Educar para a transformación social e a mellora da calidade de vida; e Gregor Torkar (University of Ljubljana) analizará o reto transversal Desenvolvemento sostible e fortalecemento democrático. A xornada concluirá con mesas temáticas de traballo e intercambio entre o persoal investigador do ICE e as persoas participantes, seguidas dunha sesión de conclusións a cargo da dirección do instituto.
Engadir que o I Encontro Científico do ICE-USC está dirixido á comunidade universitaria, incluíndo ao estudantado, ao profesorado dos diferentes niveis educativos, a responsables de políticas educativas, colexios profesionais e persoal investigador. As persoas interesadas en asistir poden formalizar a súa inscrición en liña.
