
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC acolleu o 26 de outubro a primeira das xornadas de capacitación do proxecto HIPA (Hub Interregional de Innovación en Sensórica del Movimiento y Agentes Inteligentes para la Promoción de la Autonomía Personal), mentres que o Hospital Marítimo de Oza foi a sede da segunda sesión, celebrada o día 27. Ambas as xornadas reuniron a máis de 50 profesionais do eido sanitario e sociosanitario. A iniciativa busca “impulsar novas solucións tecnolóxicas que contribúan a mellorar a rehabilitación, os coidados e a autonomía das persoas, conectando a investigación coas necesidades reais de profesionais e persoas usuarias”.
As dúas sesións reuniron a profesionais de hospitais, residencias e entidades de atención a persoas con discapacidade, con perfís diversos como fisioterapeutas, terapeutas ocupacionais e persoal médico. A formación centrouse nas posibilidades da sensórica do movemento e da intelixencia artificial, segundo o CITIC, que puxo o foco na metodoloxía de traballo: sesións teóricas e demostracións prácticas coas cales as persoas participantes puideron coñecer ferramentas para analizar a marcha humana, estudar o movemento e explorar novas aplicacións para o adestramento físico funcional.
O obxectivo de HIPA é avanzar cara a solucións que contribúan a mellorar a atención ás persoas maiores e con discapacidade, favorecendo intervencións adaptadas ás súas necesidades e proporcionando aos profesionais novas ferramentas de apoio. “Neste contexto, a innovación tecnolóxica preséntase como unha oportunidade para reforzar os procesos de rehabilitación e coidado, sen substituír o papel esencial dos profesionais sanitarios e sociosanitarios”, informou Javier Pereira, co-investigador principal do proxecto e coordinador do grupo de investigación TALIONIS do CITIC, quen sinalou que “o reto non consiste unicamente en desenvolver novas tecnoloxías, senón en conseguir que sexan útiles para as persoas e para quen as acompaña no seu día a día. Proxectos como HIPA permítennos conectar as capacidades de investigación do CITIC e do resto de entidades participantes (Universidade de Valladolid, INIBIC, Xerencia de Servizos Sociais de Castela e León e Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia) coas necesidades dos profesionais sanitarios e sociosanitarios, explorando como a sensórica do movemento e a intelixencia artificial poden contribuír a mellorar a rehabilitación, a autonomía persoal e a calidade de vida”.
Sensórica e intelixencia artificial para apoiar a rehabilitación

Durante a xornada do 26 de outubro, os investigadores Javier Pereira Loureiro e Isabel Tuñas Maceiras presentaron as capacidades do centro en ámbitos como a captura de movemento con tecnoloxía de captura de movemento óptica infravermella baseada en marcadores (optical marker-based motion capture), tecnoloxías con aplicacións en rehabilitación, accesibilidade e autonomía persoal. A demostración do sistema de captura de movemento baseado en cámaras OptiTrack permitiu achegar estas capacidades aos profesionais participantes e mostrar como a investigación pode trasladarse a contextos de aplicación clínica e asistencial.
Na xornada do 27 de outubro, os investigadores da Universidade de Valladolid, pertencentes ao grupo de investigación MovAI Rehab Lab do Instituto de Investigación Biosanitaria de Valladolid, explicaron como empregan sensórica portátil vestible no Hospital Universitario Río Hortega de Valladolid, xunto coa doutora Beatriz de la Calle. O investigador principal do proxecto HIPA, Mario Martínez Zarzuela, explicou os obxectivos que persegue o proxecto e as diferenzas fundamentais entre os distintos tipos de sensórica. A investigadora Carmen Fernández González realizou unha sesión práctica de adquisición da marcha humana e explicou, cun caso clínico, como se realizan as análises pre e postratamento. Pola súa banda, o investigador Hichem Saoudi realizou unha demostración do proxecto Rehabot, un chatbot pioneiro baseado en intelixencia artificial para o adestramento físico funcional. Esta ferramenta permite explorar novas formas de apoio dixital aos profesionais e de acompañamento en actividades orientadas a manter ou mellorar as capacidades funcionais.
Acompañados polo doutor Jacobo Formigo Couceiro e pola doutora Laura Gamonal González, do INIBIC, o programa formativo abordou distintas tecnoloxías para a análise da marcha humana e que permiten rexistrar a actividade eléctrica dos músculos. As persoas participantes puideron coñecer como se adquiren e interpretan estes datos e que posibilidades ofrecen para estudar o movemento e apoiar os procesos de rehabilitación.

Unha colaboración interrexional con impacto social
O proxecto HIPA, liderado pola Universidade de Valladolid e co apoio da Xerencia de Servizos Sociais de Castela e León como administración beneficiaria, conta coa participación do CITIC da Universidade da Coruña, o Servizo de Rehabilitación do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) e a Unidade de Coordinación e Apoio Asistencial a Residencias do Servizo de Hospitalización a Domicilio – Coidados Paliativos, a través do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), o Hospital Universitario Río Hortega e a Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia. A iniciativa promove a colaboración entre os ámbitos académico, tecnolóxico, sanitario e social para impulsar solucións que respondan aos retos do envellecemento, a discapacidade e a promoción da autonomía persoal. O proxecto está financiado pola convocatoria I+P da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT).
A capacitación dos profesionais constitúe unha parte fundamental deste proceso, xa que facilita o achegamento das novas tecnoloxías a hospitais e residencias e favorece o intercambio de coñecementos entre os equipos de investigación e quen traballa directamente na atención e no coidado das persoas.
Coa súa participación en HIPA, o CITIC reforza o seu compromiso cunha investigación aplicada e inclusiva, orientada a transferir o coñecemento científico á sociedade e a desenvolver tecnoloxías que contribúan a mellorar o benestar e a autonomía das persoas. Unha aposta por situar as necesidades humanas no centro da innovación e por promover solucións que poidan achegar valor real aos servizos sanitarios e sociosanitarios.
Estas xornadas continuarán no mes de novembro con dúas sesións formativas na residencia de maiores de Palencia e no Hospital Universitario Río Hortega de Valladolid (HURH), onde se levarán a cabo sendas xornadas de formación para o persoal das residencias e o persoal hospitalario, respectivamente.
