
A Asociación Área Empresarial do Tambre celebrou hoxe unha xornada de seguridade empresarial no Centro Empresarial do Tambre, en colaboración con Proinsa Seguridade, na que participaron diversas empresas da contorna empresarial.
En primeiro lugar, impartiuse a conferencia Ciberseguridade, do perigo á oportunidade a cargo dun dos maiores expertos galegos en ciberdelincuencia, Efrén Varón Gil, asesor, perito xudicial, formador e divulgador en ciberseguridade. Achegou a empresas da área, cun formato dinámico e interactivo, os conceptos que deben manexar para tratar de garantir a viabilidade e continuidade do funcionamento tecnolóxico das súas compañías.

Efrén Varón sinalou que “as principais debilidades que se detectan actualmente nas empresas, sobre todo nas pemes, son a falta de formación, capacitación e concienciación”. Destacou que os principais problemas que poden sufrir son o ransomware, é dicir, o secuestro dos seus arquivos, polo que se encripta a información e perden o acceso coa consecuente paralización da empresa; e a xestión dos contrasinais, véndose afectadas polo ataque BEC (compromiso do correo electrónico empresarial), onde o ciberdelincuente accede ao correo electrónico da empresa, envía facturas a correo lixo, modifica o número de conta para mandar o arquivo modificado ao empresario. Neste último caso, Efrén Varón apuntou que é importante ter un xestor de contrasinais, cunha dobre autentificación para as pemes.
“Só o 1 % das empresas españolas poden facer fronte a ciberataques. De 100 ataques rexistrados, 70 corresponden a pemes, principalmente ameazadas por fraude de pagos. As empresas deben desconfiar de correos electrónicos sospeitosos, ademais de facer sempre transferencias ordinarias”, explicou.
O experto apuntou que as pemes poden contratar os servizos de empresas especializadas en ciberseguridade, que realizarán unha auditoría e un análise forense en caso de ter sufrido un prexuízo. “Para que a empresa non sufra agravios debe ter un plan de seguridade, un plan de continxencia, formación para os traballadores e un plan de concienciación”, manifestou. Coa entrada da nova Directiva NIS2 da UE, Efrén Varón indicou que o empresario é responsable do uso que se faga dos activos dixitais da empresa, coa exención da delegación desa responsabilidade nun terceiro.

Trala conferencia, o piloto de drons de PROINSA fixo unha demostración práctica do novo servizo de seguridade con novas tecnoloxías da Asociación, co voo dun vehículo aéreo non tripulado con cámara térmica para a prevención de incendios e riscos en traballos en altura, revisión de cubertas ou placas solares. Este equipo foi adquirido pola Asociación Área Empresarial do Tambre cunha axuda da Consellería de Economía e Industria.
Efrén Varón Gil (Ourense, 1971) é consultor en ciberseguridade e presidente da Asociación Ourensec, unha entidade sen ánimo de lucro que axuda á cidadanía en temas de ciberseguridade. É garda civil, en excedencia, e foi responsable do Equipo @ Comandancia Ourense – Investigación da Delincuencia Tecnolóxca. Mestrado en Evidencias Dixitais e Loita Contra o Cibercrime (MAEDLCC), pola Universidade Católica de Ávila. É perito xudicial experto en Ciberdelincuencia e Conducta Criminal na Web (UNED), e auditor e perito informático pola Universidade Católica de Ávila (UCAV).
