
O proxecto de investigación-acción para a dinamización da lingua na infancia Modo galego, actívao! iniciou hoxe unha nova etapa de consolidación e extensión. Fíxoo novamente da man do Concello de Ames e a Real Academia Galega (RAG) e cunha nova entidade aliada: o Concello de Rois, que asinou un acordo de colaboración este mesmo mércores 28. A iniciativa ten o obxectivo de impulsar o uso do galego nos dous concellos, tendo como eixe de actividades a web modogalegoames.gal.
O presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; o alcalde de Ames, Blas García Piñeiro; e o alcalde de Rois, Ramón Tojo Lens, asinaron hoxe o dito acordo de colaboración: unha alianza que dará continuidade a esta experiencia en Ames e que significará ademais a súa posta en marcha en Rois. A incorporación deste último municipio da comarca compostelá permitiralle á Academia analizar polo miúdo a efectividade de Modo galego nun concello de menos de 5.000 habitantes, nunha contorna na que a priori hai unha maior taxa de alumnado galegofalante ca noutras áreas máis urbanas pero na que cómpre promover o apoderamento lingüístico.
Na presentación do acordo participaron canda o presidente da RAG e os rexedores a coordinadora do Seminario de Sociolingüística, a académica María López Sández; e as técnicas de normalización lingüística de Ames e Rois, Rosa Moreiras Cuñarro e Inmaculada Seage Freire.
Segundo explicaron, Modo galego, actívao! constitúe unha proposta singular pola diversidade de axentes implicados e a posterior avaliación científica de cada edición, da que se encarga o Seminario de Sociolingüística da RAG. A súa cerna é unha experiencia de inmersión en galego de tres semanas en todos os centros públicos de infantil e primaria dun mesmo concello, pero que vai alén dos centros educativos e abrangue tamén os espazos de educación non formal, como as actividades extraescolares ou os comedores, coa complicidade do alumnado, das súas familias, do profesorado e doutros perfís profesionais de atención á infancia. En Ames implica máis de 2.000 nenos e nenas e uns 200 docentes; en Rois participarán preto de 300 estudantes e uns 40 profesores e profesoras.
Máis experiencias

No marco da súa programación de promoción do galego, Ames conta tamén co seu propio Certame Literario, así como o concurso Galetiktokers ou os Premios Lingua e Empresa. “Son exemplos dun traballo continuado que, desde a educación, a cultura, a mocidade, as familias e o tecido empresarial, busca ampliar os espazos de uso do galego e reforzar o compromiso colectivo coa súa transmisión e vitalidade”, destacou Blas García.
Ames e Rois son parte ademais de programas como Apego, o Club de Debate ou o certame de contidos en liña Youtubeiras, promovidos por Alingua, a Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, da que son socios fundadores. A RAG asinou hai agora un ano con Alingua un protocolo ao abeiro do cal se está a impulsar a realización de mapas sociolingüísticos escolares locais. Seguindo o ronsel do de Ames, presentado en 2021, o Seminario de Sociolingüística traballa nestes momentos no de Rois, entre outros.
