
O proxecto galego de investigación e desenvolvemento OpenBattIA continúa avanzando no desenvolvemento dunha plataforma tecnolóxica destinada a mellorar a xestión e a rastrexabilidade das baterías de vehículos híbridos e eléctricos.
Trátase dunha iniciativa cunha marcada presenza galega, xa que está liderada polo consorcio no que participan empresas galegas como LK Mobility ou Diésel Inyección Milladoiro (DIM) xunto con Cuatro Digital. O proxecto conta co apoio da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia e o co-financiamento de fondos europeos FEDER.
Segundo indican un dos principais desafíos foi desenvolver unha plataforma capaz de garantir a rastrexabilidade das baterías nun contexto de evolución normativa, “sen coñecer inicialmente todos os requisitos que debería cumprir a súa base de datos”.
O próximo obxectivo será “conseguir a interoperabilidade coa plataforma europea de rexistro para avanzar cara á xeración de pasaportes dixitais”.
O proxecto tamén permitiu profundar no coñecemento do funcionamento, a recuperación, a reparación, a degradación e a reciclaxe das baterías, así como analizar as diferenzas entre as tecnoloxías baseadas en níquel, habituais en vehículos híbridos, e as de ión-litio, presentes en vehículos híbridos enchufables e eléctricos.
Segundo explican, “esta aprendizaxe facilitou a identificación de acertos e limitacións no deseño de diferentes vehículos, ademais de poñer de manifesto as dificultades de acceso aos datos técnicos de determinadas marcas”.
Tras un ano de retos e avances, OpenBattIA continúa traballando para contribuír a unha xestión máis eficiente, transparente e rastrexable das baterías, favorecendo a innovación e a sustentabilidade no sector da mobilidade eléctrica.
OpenBattIA é un proxecto desenvolvido por LK Mobility, Diésel Inyección Milladoiro e Cuatro Digital, financiado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) e cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do Programa FEDER Galicia 2021-2027.
