
A Cámara de Comercio de Santiago organiza este mes de novembro unha nova actividade de formación e transformación tecnolóxica, destinada a incrementar a competitividade entre as pemes e persoas autónomas da demarcación. Estamos a falar do seminario Automatiza as túas vendas e fideliza aos teus clientes grazas á IA. Celebrarase o mércores 4 de novembro ás 10.00 horas e terá unha hora e media de duración.
Segundo explica a Cámara, trátase dunha xornada gratuíta e en liña que ten por obxectivo “mostrar de forma práctica como unha empresa pode automatizar gran parte do seu proceso de venda e comunicación con clientes, desde o momento en que un lead contacta co negocio ata a postventa e fidelización posterior”. A idea é polo tanto “ensinar como aforrar tempo, mellorar o seguimento comercial e manter unha comunicación constante con clientes e prospectos sen necesidade de xestionar manualmente cada interacción”.
A xornada está dirixida a pemes, autónomos e emprendedores.
Esta xornada está cofinanciada polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
