
A relación entre o mundo dos videoxogos e as publicacións impresas está chea de contrastes, pois aínda que as novas xeracións non tivesen contacto coas revistas en papel, a xente de certa idade vía nas publicacións distribuídas a través dos quioscos a porta ao mundo do lecer dixital cando aínda non había unha Internet nos fogares para informarse.

Dado que ese público que se criou con revistas de videoxogos agora ten poder adquisitivo e é susceptible de sucumbir á nostalxia, non nos sorprende que volvesen a editarse revistas como MicroHobby e Micromanía, e agora o salto é un tanto diferente, xa que unha publicación esencialmente dixital como é 3DJuegos, anuncia o nacemento dunha colección sobre videoxogos clásicos.

O primeiro libro da colección será El legado de PlayStation, que recollerá os 150 mellores xogos da consola que marcou unha xeración ao longo das súas 232 páxina protexidas por unha cuberta dura. Este volume publicarase o vindeiro 12 de novembro e repasará títulos como Final Fantasy VII, Gran Turismo, Resident Evil ou Crash Bandicoot, así como tamén incluirá artigos de firmas convidadas e reflexións sobre as razóns que fixeron tan especial a primeira consola doméstica de Sony.

