
Odisea Indie – Game Fest celebrará os días 21 e 22 de novembro unha nova edición en ExpoCoruña, coincidindo con ExpOtaku. O encontro reunirá 50 estudios e desenvolvedores independentes, entre eles equipos galegos, propostas procedentes doutras comunidades españolas e dous estudios franceses.
Os visitantes poderán probar as versións de demostración dos videoxogos, coñecer os seus creadores e descubrir proxectos en diferentes fases de desenvolvemento. A participación inclúe tanto estudios profesionais como desenvolvedores individuais e equipos de estudantes.
A programación comezará o 16 de novembro cunha presentación (showcase) que permitirá coñecer algúns dos títulos que estarán dispoñibles no encontro presencial.
As actividades incluirán torneos, desafíos, sorteos e propostas creativas organizadas polos propios expositores. Entre as competicións figuran as de Soulless: The Forgotten Realm, Myxtheron Duel e BoBot, ademais dun concurso do xogo arcade ANKH integrado na demostración de Little Darkness e un desafío cooperativo de Keep Crafting para equipos de catro xogadores.
Tamén haberá actividades manuais e artísticas vinculadas aos videoxogos. Black Hat organizará un obradoiro de marionetas e escenarios, GalanTarp convidará a crear figuras con contas inspiradas en CrownWalk e Velaria Studio permitirá participar nunha composición musical colectiva relacionada con Echoes of Lyra.
O pasaporte de Odisea Indie servirá para incentivar a exploración dos diferentes postos. Despois de probar polo menos cinco xogos, os asistentes poderán votar polos seus cinco favoritos, asignándolles puntuacións de cinco a un punto. As votacións contribuirán a elixir o mellor xogo do público e permitirán participar no sorteo diario de premios. O pasaporte estará dispoñible en formato físico e dixital. Nesta última modalidade, os asistentes poderán rexistrar cada xogo escaneando co móbil o código QR que lles mostre o estudio despois de probalo, sen necesidade de rexistrarse previamente.
A entrega de recoñecementos terá lugar o domingo 22 de novembro, ás 16.00 horas, no escenario principal. Premiaranse o mellor xogo elixido polo público, o mellor xogo de estudantes e o mellor posto pola súa imaxe e decoración. A categoría estudantil contará cun xurado profesional integrado por Elven, creador de Aureole, Víctor Fernández (VictorDevelops) e Alex Fariña.
A edición conta coa colaboración de Videoxogo.gal, ADEVI e ACADEVI, asociacións que traballan para apoiar os creadores e fortalecer a comunidade de desenvolvemento de videoxogos. Tamén recibe o apoio de empresas do sector como Tesura Games, JanduSoft, Devilish Games, Flynn’s Arcades, RawrLab Games e GameIt, xunto con Alita Comics, ExpOtaku e Gamevitation.
Odisea Indie busca impulsar o desenvolvemento de videoxogos desde Galicia e ofrecer un punto de encontro para estudios independentes, estudantes e xogadores, co obxectivo de ampliar a súa proxección e consolidarse como unha referencia estatal.

