
O programa Talentos Inclusivos, impulsado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña e ASPACE Coruña, iniciou hoxe a súa edición 2026-2027 nun acto celebrado na sala Leonardo da Vinci do Museo Domus da Coruña. O encontro reuniu 70 persoas, entre representantes institucionais, profesorado, alumnado, persoal investigador e representantes das entidades colaboradoras, e marcou o inicio dun novo curso de traballo conxunto entre o ámbito educativo e o da discapacidade.
Nesta sétima edición participan quince centros educativos das catro provincias galegas, con alumnado de ESO, Bacharelato e ciclos de Formación Profesional.
Segundo informa o CITIC, “a través de equipos colaborativos, o estudantado traballará durante o curso no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que respondan a necesidades reais formuladas por persoas con discapacidade, contribuíndo así a mellorar a súa autonomía e calidade de vida”.
O acto contou coa participación de Jerónimo Puertas Agudo, vicerreitor de Investigación e Transferencia da UDC; José Santiago Freire Abeijón, director territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional na provincia da Coruña; Antonio Abril, presidente do Consello Social da UDC; Nereida Canosa, concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade do Concello da Coruña, en representación da alcaldesa; M.ª Carmen Barreiro, presidenta de ASPACE Coruña; e Manuel F. González Penedo, director do CITIC.
Tras as intervencións institucionais, Javier Pereira, responsable de Talentos Inclusivos, e Irene Brage, project manager do programa, presentaron as principais liñas de traballo desta nova edición, dando paso á proxección dun vídeo elaborado polos centros educativos participantes no que se amosou a implicación do alumnado no proxecto e o seu compromiso co desenvolvemento de tecnoloxías ao servizo da inclusión.
No acto interveu tamén Iria Robles, coordinadora de Talentos Inclusivos en ASPACE Coruña, quen estivo acompañada de persoas usuarias da entidade, que compartiron a súa experiencia e a importancia de contar con solucións tecnolóxicas adaptadas ás súas necesidades. Pola súa banda, María Eugenia Medina, profesora do IES Plurilingüe Eusebio da Guarda, participou xunto coas alumnas de 1.º de Bacharelato Alba e Blanca, que compartiron a súa experiencia na pasada edición de Talentos Inclusivos.
Solucións tecnolóxicas para necesidades reais

No transcurso do encontro realizouse a visita ao espazo expositivo de Talentos Inclusivos na Domus, onde as persoas asistentes puideron coñecer algúns dos novos retos tecnolóxicos desenvolvidos polos centros educativos.
Entre as solucións expostas atópanse un taboleiro de pictogramas con aviso sonoro, unha máquina de burbullas con premedores de causa-efecto, timbres sen fíos con premedor accesible e un reloxo de actividades accesible con aviso sonoro.
“Estes dispositivos son exemplos de como a tecnoloxía pode adaptarse ás necesidades das persoas con discapacidade e facilitar a súa comunicación, participación e autonomía na vida cotiá”, explicaron dende o CITIC.
Os retos do curso definiranse a partir das 53 propostas e necesidades das persoas usuarias das entidades participantes. Os equipos de estudantes contarán co acompañamento do profesorado, persoal investigador do CITIC e profesionais do terceiro sector para deseñar e desenvolver solucións en ámbitos como os sistemas aumentativos e alternativos de comunicación, a robótica aplicada á rehabilitación, a domótica de baixo custo, a realidade aumentada, a impresión 3D e os produtos de apoio para o acceso ao ordenador, entre outros.
Quince centros educativos das catro provincias galegas

Nesta VII edición participarán quince centros: dez da provincia da Coruña, dous de Lugo, un de Ourense e dous de Pontevedra.
Pola Coruña participarán o IES de Ortigueira, o IES Sofía Casanova (Ferrol), o IES Maximino Romero de Lema (Zas), o IES Rego de Trabe e o CIFP Universidade Laboral (Culleredo), o IES Plurilingüe Eusebio da Guarda e o CPR Calasanz – PP Escolapios (A Coruña), o IES Breamo (Pontedeume), o CPR Plurilingüe Montespiño (Culleredo) e o IES As Telleiras (Narón).
En Lugo participan o IES da Terra Chá José Trapero Pardo (Castro de Rei) e o CPI Plurilingüe de Castroverde. En Ourense, o CPR Plurilingüe Santa Teresa de Jesús, e en Pontevedra, o IES Ribeira do Louro e o IES Pino Manso, ambos os dous do Porriño.
Ao longo do curso, os equipos traballarán de forma colaborativa e manterán reunións periódicas de seguimento. A edición concluirá o 11 de xuño de 2027, cun acto no que o alumnado e o profesorado presentarán os resultados dos retos desenvolvidos.
Entidades implicadas
Talentos Inclusivos é un proxecto desenvolvido polo CITIC da Universidade da Coruña e ASPACE Coruña, co apoio da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades; o Consello Social da UDC; o Concello da Coruña; a Xunta de Galicia e Inditex.
O seu obxectivo é espertar vocacións STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) entre a mocidade e achegala á realidade da discapacidade mediante equipos colaborativos que traballan na resolución de retos tecnolóxicos formulados por persoas con parálise cerebral. No programa participan persoas usuarias de ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE e APAM.

