
O Pazo de San Marcos (Deputación de Lugo), acolle mañá unha xornada organizada pola Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), con sede na Coruña, na que se explicarán conceptos básicos, como facer un uso responsable desta tecnoloxía ou como identificar contidos falsos. Terá formato de encontro gratuíto e aberto á cidadanía, previa inscrición en liña a través de MenCIA.
A sesión está dirixida ao público xeral, non é necesario contar con coñecementos previos sobre intelixencia artificial, e pode resultar especialmente útil para aplicación da IA no ámbito profesional.
A xornada arrancará ás 12.45 horas coa apertura institucional, na que participará o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón. A sesión rematará a mediodía.
Durante o encontro explicaranse nocións básicas, ofreceranse recomendacións para utilizar a IA de maneira consciente e abordaranse cuestións relacionadas coa detección de contidos falsos ou manipulados. “A actividade tamén permitirá recoller achegas dos asistentes sobre o impacto da IA en ámbitos como a igualdade, a protección dos menores, a desinformación ou o mercado laboral”, segundo adianta a Deputación de Lugo.
Todas as opinións incorporaranse a un traballo de análise de AESIA para elaborar propostas de cara a favorecer un desenvolvemento tecnolóxico seguro, ético e respectuoso cos dereitos das persoas.
O 33,6% das empresas españolas de máis de dez empregados usan a IA
Dende a Deputación de Lugo lembran que a implantación da IA avanza no ámbito económico e laboral. Segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), publicados durante o pasado mes de outubro, o 33,6% das empresas españolas con 10 ou máis persoas empregadas utilizaba tecnoloxías de intelixencia artificial no primeiro trimestre de 2026. Ademais, o 78% das persoas traballadoras considera que a súa empresa debería proporcionarlles ferramentas e formación para utilizar as novas tecnoloxías dixitais, incluída a IA, segundo o Observatorio Nacional de Tecnoloxía e Sociedade (ONTSI).
Laboratorio de Ideas en IA, da AESIA, é o proxecto no que se enmarca esta sesión. Unha iniciativa que percorre diferentes cidades para achegar esta tecnoloxía á sociedade e abrir espazos de diálogo nos que a cidadanía poida expresar as súas dúbidas, opinións e preocupacións.
MencIA, a intelixencia artificial propia da Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo lanzou hai uns meses a súa propia estratexia de intelixencia artificial, MencIA 2026-2030, enfocada á aplicación desta ferramenta nos servizos públicos.
Está previsto o desenvolvemento de ferramentas de apoio á xestión administrativa e a súa extensión aos concellos da provincia, especialmente aos de menor dimensión, que poden precisar asistencia técnica para incorporar este tipo de solucións.
Neste sentido, os Orzamentos da Deputación para 2027 prevén unha partida destinada a continuar desenvolvendo MencIA e avanzar na súa implantación no ámbito municipal. A finalidade é “facilitar tarefas administrativas, axilizar procedementos e mellorar a relación entre os concellos e a cidadanía”, informou a Deputación, engadindo que a incorporación destas ferramentas parte dun principio: a IA debe ser un instrumento de apoio ao traballo dos profesionais, non un substituto das persoas.

