
Esta semana (hoxe e mañá) a plataforma Stop Dirty Data Centers desenvolve unha campaña a nivel europeo para amosar o problema dos centros de datos de hiperescala e as loitas que decenas de colectivos levan a cabo para frear a súa construción. A organización ecoloxista galega ADEGA súmase á iniciativa co obxectivo de “traer o debate ao ámbito galego”.
ADEGA explica que “toda construción industrial implica un impacto no entorno e na sociedade, e ese impacto debe valorarse en relación coa finalidade que motiva o proxecto”. No caso dos centros de datos de hiperescala, a súa finalidade principal é adestrar os grandes modelos de linguaxe coñecidos como intelixencias artificiais: unha tecnoloxía que busca avanzar cada vez máis rápido, “sen que exista un horizonte claro sobre cara a onde”, denuncia ADEGA, engadindo que nas poboacións onde xa se instalaron estas megafactorías de datos, en ocasións do tamaño dun polígono industrial, “a veciñanza sofre carestía eléctrica, escaseza de auga, ruído, calor e contaminación”.
A asociación galega di tamén que “os miles de ordenadores que funcionan nestas instalacións deben substituírse con frecuencia debido ao seu uso intensivo, o que esixe industrias mineiras extractivistas que arrasan territorios enteiros e deixan escasa ganancia tras de si, ademais de problemas de saúde para as persoas e o resto dos seres vivos durante décadas”.
Segundo ADEGA, “a industria da IA, sen unha finalidade clara máis alá de acelerar o fluxo de capital cara ás persoas máis ricas, xa está incrementando a degradación do hábitat e da saúde das persoas”.
Desde a asociación ecoloxista consideran “necesario” facer visible este problema e levalo á palestra para sensibilizar a opinión pública e forzar a administración a tomar postura. “É tempo de abrir un debate público sobre a súa necesidade, os seus custos ambientais e sociais e o modelo de desenvolvemento tecnolóxico que queremos; e tamén de reclamar que non se promovan estas infraestruturas sen unha avaliación rigorosa das súas consecuencias”, aclaran.

