
Investigadores do CiTIUS da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e da Universidade de Michigan (EUA) desenvolveron ROGERS, un sistema baseado en intelixencia artificial xerativa que permite simular sesións de psicoterapia con fins educativos, abrindo novas posibilidades para a formación de profesionais da saúde mental e garantindo a confidencialidade e a protección dos datos.
O traballo, titulado ROGERS: xeración de sesións de terapia sintéticas mediante terapeutas baseados en grandes modelos de linguaxe aliñados cos principios da teoría cognitivo-condutual e da entrevista motivacional, foi presentado polo investigador do CiTIUS David E. Losada na Information Processing & Management Conference 2026, celebrada do 30 de outubro ao 1 de novembro en Wuhan (China).
A contribución foi seleccionada para unha das seccións competitivas do congreso, titulada Das publicacións nas redes sociais aos diálogos: intelixencia artificial conversacional e contextual para a saúde mental, centrada nas aplicacións destas tecnoloxías ao ámbito da saúde mental. As primeiras avaliacións con especialistas sanitarios apoian o seu potencial como recurso para a formación de profesionais da saúde mental, segundo confirmou o CiTIUS da USC.
A investigación foi desenvolvida conxuntamente por Anxo Fernández-Villoch, investigador predoutoral do CiTIUS; Marcos Fernández-Pichel, investigador colaborador do centro; e o propio David E. Losada, en colaboración co profesor emérito John Piette, da área de Comportamento e Equidade en Saúde da Escola de Saúde Pública da Universidade de Michigan, cuxa traxectoria investigadora se centra no uso de tecnoloxías dixitais para mellorar a atención sanitaria e o acceso a intervencións de saúde mental.
Explican que o desenvolvemento de ROGERS parte de resultados previos obtidos na Universidade de Michigan. Sobre esta base, o equipo do CiTIUS creou modelos realistas de pacientes e adaptou grandes modelos de linguaxe, semellantes aos que sustentan ferramentas de intelixencia artificial como ChatGPT, para que actúen como terapeutas seguindo estratexias e criterios propios da Entrevista Motivacional e da Terapia Cognitivo-Condutual, dous enfoques empregados no ámbito da atención psicolóxica.

A proposta combina distintos axentes de intelixencia artificial que interactúan entre si, reproducindo conversas entre terapeutas e pacientes virtuais, explica o CiTIUS, engadindo que “os pacientes simulados constrúense a partir de perfís psicolóxicos estruturados e historias persoais coherentes, mentres que os terapeutas virtuais configúranse para aplicar estratexias de intervención acordes cos principios de ambos os enfoques”. O resultado é “un sistema capaz de xerar conversas sintéticas prolongadas, que reproducen diferentes situacións e interaccións terapéuticas”, indica o centro da USC.
As primeiras avaliacións realizadas con expertos do ámbito da saúde revelaron que “o conxunto de conversas xerado por ROGERS contén interaccións naturais, sostidas e realistas, o que apoia o seu potencial como recurso educativo para a formación de futuros profesionais”. Así mesmo, os investigadores exploraron distintas estratexias para adaptar o comportamento dos modelos e observaron que unha configuración coidadosa das súas instrucións pode favorecer respostas colaborativas e empáticas, xeralmente aliñadas cos principios terapéuticos establecidos.
A partir destes resultados, o CiTIUS está a consolidar unha ferramenta formativa que permite ás persoas usuarias interactuar directamente con pacientes ou terapeutas simulados, co propósito de trasladar as capacidades desenvolvidas en ROGERS a un contorno de aprendizaxe práctica.
Ademais de reproducir situacións propias dunha sesión de psicoterapia, o sistema ofrece información sobre a presenza de comportamentos recomendados e non recomendados nas intervencións realizadas polos terapeutas.

