
Impulsado pola Xunta e coordinado pola investigadora Belén Bande, o Campus de Lugo da USC conta cun novo laboratorio de investigación aplicada que afonda na neuromercadotecnia e en todos os elementos que esta disciplina pon en xogo para asegurar a conexión cos clientes. Trátase do Neuromarketing Lab, que está situado na Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC en Lugo e que contará co pulo de Belén Bande, catedrática de Marketing e Investigación de Mercados.
Segundo informaron fontes do Campus, “o Neuromarketing Lab é o único laboratorio específico de neuromarketing do sistema universitario galego”. O seu obxectivo é achegar a investigación científica aos retos reais das empresas e organizacións, axudándoas a comprender mellor os seus consumidores e a tomar decisións máis fundamentadas.
Para quen non o saiba, o neuromarketing é unha disciplina que combina a neurociencia e a mercadotecnia para estudar e comprender o comportamento do consumidor a un nivel subconsciente. O seu obxectivo principal é analizar como reacciona o cerebro humano ante os estímulos publicitarios, marcas ou produtos, medindo de forma directa a atención, as emocións e a memoria, en lugar de depender unicamente do que a persoa di de maneira consciente.
Volvendo ao Neuromarketing Lab do Campus de Lugo e a seu funcionamento, este integra na plataforma iMotions distintas tecnoloxías que permiten analizar as respostas das persoas desde perspectivas complementarias. O seguimento ocular (eye tracking) permite estudar cara a onde se dirixe a mirada e que elementos captan a atención visual. A electroencefalografía (EEG) rexistra a actividade eléctrica cerebral e achega información sobre procesos asociados á carga cognitiva e á resposta emocional. A resposta galvánica da pel (GSR) mide cambios fisiolóxicos relacionados coa activación emocional. A estas ferramentas súmanse a análise das expresións faciais e a análise da voz.
Estas tecnoloxías permiten deseñar estudos adaptados a preguntas concretas: os elementos dun envase que atraen a mirada, como se procesa unha imaxe ou un anuncio publicitario, os aspectos dunha experiencia dixital que requiren un maior esforzo cognitivo ou como reaccionan as persoas ante diferentes alternativas dun produto.
“O valor destas ferramentas reside en achegar evidencias adicionais que, combinadas con outros métodos tradicionais como os estudos de mercado, axuden a comprender mellor o comportamento do consumidor”, informan dende o Campus de Lugo, engadindo que o Neuromarketing Lab nace coa vocación de achegar coñecemento ao tecido empresarial de Lugo e da súa contorna. Entre os seus principais ámbitos de aplicación destacan a alimentación, a gastronomía e o turismo, axudando a tomar decisións acertadas sobre o deseño de envases e etiquetas (packaging), as estratexias de comunicación e promoción comercial, o lanzamento de novos produtos ou a mellora das experiencias dixitais.
O Campus salienta tamén que “en sectores relevantes para a economía lucense, como a industria agroalimentaria, estas ferramentas poden contribuír a estudar como se presentan os produtos, que elementos dunha proposta espertan maior atención ou como se perciben diferentes experiencias”. Tamén permiten investigar materiais publicitarios, interfaces dixitais e alternativas de deseño antes de tomar decisións comerciais.
O laboratorio ten tamén “unha clara vocación formativa”. O estudantado do grao en ADE e do grao en Empresa e Tecnoloxía poderá familiarizarse con tecnoloxías avanzadas de investigación de mercados e adquirir competencias para combinar as técnicas de neuromercadotecnia cos métodos tradicionais.
Ao mesmo tempo, o laboratorio abre novas posibilidades de colaboración con outros grupos de investigación da USC, empresas e institucións interesadas en desenvolver proxectos conxuntos.

