
O Coliseo Noela de Noia, no marco da edición 2026 (a XXVII) da Mostra de Curtas, acolleu o pasado sábado ás 20.30 horas a estrea de El crimen de Pazos, a nova miniserie de Bambú Producciones, que chegará á plataforma de contidos streaming Netflix esta semana, concretamente o 13 de novembro.
El crimen de pazos é un true crime que narra a cadea de erros do sistema que permitiron o asasinato machista de Isabel Fuentes en Ourense no ano 2015.
Trátase dunha serie galega protagonizada por Tristán Ulloa (que encarna ao garda civil Eduardo Novoa, encargado no seu día de investigar o asasinato de Isabel Fuentes a mans do seu home en 2015) e creada e producida polo noiés Ramón Campos.

Na estrea en Noia participaron arredor de medio milleiro de persoas, entre público e membros do equipo da produtora e do elenco da serie, que inclúe un documental (xa estreado en Netflix) e unha serie de tres capítulos. Foi definida polos seus creadores como unha forte proclama contra a violencia machista. Campos, de feito, adicou a serie a Isabel Fuentes e “a todas as mulleres maltratadas”.
Sinopse
No tranquilo pobo de Pazos (Verín), Aniceto (Miguel Borines) e a súa muller Irene parecen ser a parella perfecta ata que, unha noite, ela sofre un brutal ataque como resultado dun presunto roubo. Mentres Irene loita pola súa vida no hospital, Elías (Tristán Ulloa), un sarxento da Garda Civil convencido de que Aniceto é o autor do crime, enfróntase a un sistema que lle parece que non está disposto a escoitar as súas advertencias nin a protexer á vítima. Con Aniceto en liberdade e a vida de Irene pendendo dun fío, sairá a verdade á luz antes de que sexa demasiado tarde?
