
A 20ª edición do I+P Ideas para Producir (Clúster do Audiovisual Galego) xa ten os 18 proxectos de cine e televisión que se presentarán ante representantes das principais compañías do sector audiovisual os días 26 e 27 de novembro no Coruña Estudio Inmersivo (CEI), na Coruña.
Segundo informou o Clúster, as propostas foron seleccionadas entre os máis de 200 proxectos recibidos nesta convocatoria, unha cifra que “confirma o interese que esperta este foro profesional que continúa consolidándose como un espazo de referencia para impulsar novas producións, establecer contactos estratéxicos e abrir vías de financiamento, distribución e coprodución”, engadiron dende a agrupación empresarial.
O comité de selección, integrado polo guionista e creador Alberto Guntín; a guionista e asesora no sector audiovisual Puri Seixido, e a xefa de produción Lucía Caramelo, foi o encargado de avaliar as candidaturas e escoller as propostas que formarán parte do encontro.
A escolma abrangue unha ampla variedade de xéneros e formatos, con proxectos en distintas fases de desenvolvemento. Entre eles figuran longametraxes de ficción, animación e documental, series de ficción, programas de entretemento e unha docuserie.
Un punto de encontro entre creadores e decision makers

O venres 27 de novembro será a xornada central do evento, coa presentación dos proxectos e a celebración de reunións individuais entre os seus responsables e os representantes de televisións, plataformas e distribuidoras. Estes encontros están orientados a favorecer o contacto directo entre os equipos creativos e os profesionais con capacidade de decisión, co obxectivo de explorar oportunidades de negocio e impulsar o percorrido das propostas seleccionadas.
Entre as compañías participantes estarán Atresmedia, Mediaset España, Movistar Plus+, Prime Video, HBO Max, Disney+, AMC Global Media, Warner Bros. Discovery, TVG, 3Cat, Aragón TV, Canal Sur, RTP, Filmax, A Contracorriente Films e Beta Fiction Spain, entre outras.
18 propostas para cine e televisión
O apartado cinematográfico reúne oito longametraxes de ficción: Entre escenas de Langosta Films, Nadie Va A Venir de Congo Producciones, A Raíz de Miramemira, Cruceta de AbraldeStudio, Nuda propiedade de Servando Vidal, Lampreas de Indígenas Films, Baixamar de Kraken Media e La fuga del bou Ramón de EAF
Producións
A escolma inclúe tamén dúas longametraxes documentais: Alan Lomax andou por aquí de Voz Audiovisual e La otra victoria de Meteórica Cine. Completa a categoría cinematográfica a película de animación Bibopalula. Aventura no Atlántico de Undodez.
En televisión, seleccionáronse as series de ficción The Last Line de Lidia Fraga, Druidas de Ramen Studio, 100 Vírgenes de Arrivelo Producciones e Furancho de Borboligón Filmes.
A listaxe complétase coa docuserie Los órganos no van al cielo de TEX45 Producións, e con dous programas de entretemento: Batalla de tributos de Metronoventa e La gran escena de Producciones Vigo.
I+P 2026 conta co apoio da Deputación da Coruña, co patrocinio da Xunta de Galicia e coa colaboración de Pedralonga Estudios, Music Library & SFX, Filamento Iluminación e Gadis, así como das asociacións profesionais CREA e AGAG e do máster MPXA.

