
O Consello da Cultura Galega puxo na Rede cinco epístolas conservadas de Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888-1976) e Ramón Cabanillas (Cambados 1876-1959). “Son só cinco cartas, pero abondan para revelar a amizade duradeira entre dúas figuras destacadas da cultura galega”, sinala o CCG, engadindo que nelas abrolla a fonda conexión intelectual e humana que os uniu durante décadas, así como as viaxes, as soidades, os desterros e os silencios que marcaron as súas vidas.
A iniciativa coincide co cabodano de Cabanillas (este 9 de novembro). A edición e estudo vén da man de Francisco Fernández Rei, do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela.
As cinco epístolas, conservadas por Aurora Vidal Cabanillas, neta e afillada do poeta, forman parte do legado da Familia Cabanillas, depositado no Arquivo do Museo Ramón Cabanillas do Concello de Cambados. A súa publicación intégrase no proxecto Epístola, dedicado á recuperación e difusión do patrimonio epistolar galego.
Segundo informa o CCG, o conxunto escolmado presenta unha notable variedade de contidos e formas. Inclúe mesmo unha carta en verso, escrita por Otero Pedrayo desde Trasalba o 19 de marzo de 1945, na que relata unha viaxe por diferentes localidades galegas e evoca a ausencia do amigo, a quen bota en falta durante o percorrido. Composta en tercetos encadeados, a epístola incorpora referencias á Academia Galega, a Compostela, a Rianxo e ao Padrón rosaliano, e remata cunha confesión que resume o ton afectivo de todo o intercambio: “Mais faltaches ti, e volvín tristeiro!”.
O CCG sinala que as cartas permiten reconstruír algúns momentos significativos da relación entre ambos os escritores e que o estudo de Francisco Fernández Rei sitúa estas misivas no contexto dunha amizade que atravesou diferentes etapas históricas e vitais, malia “pertencer os dous escritores a xeracións distintas”. Cabanillas, figura senlleira dunha etapa anterior ao movemento das Irmandades e á Xeración Nós, e Otero Pedrayo, membro destacado deste último grupo, compartiron unha profunda afinidade intelectual e humana que se mantivo mesmo nos momentos de maior distancia física e emocional. A relación sobreviviu tamén aos diferentes desterros do poeta cambadés, á súa soidade e ao seu afastamento da actividade galeguista durante os anos da Segunda República.
A edición incorpora tanto a reprodución dos manuscritos como a súa transcrición, realizada respectando os trazos propios da lingua literaria de Otero Pedrayo, incluídos os seus hiperenxebrismos, diferencialismos e particularidades expresivas.
“O traballo permite achegarse non só ao contido das cartas, senón tamén á riqueza lingüística e literaria dunha correspondencia que constitúe un testemuño valioso da cultura galega do século XX”, sinala o Consello da Cultura.
Proxecto epístola
O Proxecto Epístola é unha iniciativa tecnolóxica que xorde no ano 2010 como froito das tarefas de recuperación e preservación dos fondos documentais realizadas polo Consello da Cultura Galega a partir da iniciativa de dixitalizar as fontes documentais de personalidades do ámbito da cultura e da política galegas depositados en arquivos públicos e privados.
O Consello da Cultura Galega conserva actualmente en formato dixital un importante conxunto de documentos persoais de figuras senlleiras que son fundamentais para o coñecemento da historia da Galicia contemporánea: Rosalía de Castro, Luís Seoane, Valentín Paz-Andrade, Manuel Puente, Antonio Pérez Prado, Xosé Benito Abraira, Carlos Maside, Isaac Díaz-Pardo, Lois Tobío, Silvio Santiago, Ramón Piñeiro ou Lino Novás, entre outros.
