
O alumnado da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da Universidade de Santiago organizou estes días pasados a LXV asemblea xeral ordinaria da Reunión de Estudantes de Enxeñarías e Titulacións do Sector da Informática (RITSI), que congregou na cidade compostelá 70 representantes de máis de 40 campus universitarios.
A inauguración do encontro estivo presidida pola vicerreitora de Estudantado, Igualdade, Diversidade e Benestar, Lorena Añón, e nela participaron ademais a directora da ETSE, Julia González; a presidenta do comité organizador, Clara Álvarez; o presidente de RITSI, Carlos Arjona; a presidenta do Consello do Estudantado, Iria Liñares; o vicesecretario do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Roberto Vieito.
Na reunión deuse forma en clave participativa á folla de ruta da organización. Fíxose coa aprobación dun novo plan estratéxico e presentáronse e tratáronse informes de xestión e actualizáronse posicionamentos institucionais ante os retos do sector académico e tecnolóxico.
Entre os días 5 e 7 de novembro, esta asociación estatal ademais de desenvolver a súa asemblea tivo a ocasión de organizar no Centro de Estudos Avanzados tres mesas redondas con profesionais do sector coa finalidade de que puidesen coñecer non só as demandas do mercado laboral senón tamén mostrar o talento que sae ano tras ano das escolas e facultades.
