
A biblioteca pública municipal e a aula CEMIT de Cenlle (Ourense) estrean melloras nas súas instalacións grazas a unha achega de máis de 19.000 euros da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. As actuacións buscan mellorar as condicións de uso do espazo e renovar o equipamento destinado ás actividades culturais e formativas.
O local, situado nun edificio anexo ás oficinas municipais, conta cunha superficie de 57 metros cadrados. Unha das principais intervencións consistiu en substituír o pavimento de formigón pulido por un chan de parqué flotante de vinilo, co obxectivo de mellorar as condicións climáticas do recinto.
A renovación tamén incluíu a incorporación de dez estantes con marcos que permitirán organizar exposicións e presentar libros recomendados cando non se estean celebrando mostras. O equipamento complétase cun moble tipo vitrina para gardar trofeos e premios, un altofalante de maior potencia para concursos e certames e catro pufs destinados á sección infantil.
O delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou as instalacións acompañado da alcaldesa de Cenlle, Rebeca Sotelo, para comprobar o resultado dos traballos.
A axuda enmárcase na convocatoria da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destinada ao equipamento e á mellora dos locais utilizados para actividades culturais. O programa contempla actuacións de accesibilidade, reformas relacionadas coa eficiencia enerxética e a calefacción, posta en funcionamento de novos centros e renovación do equipamento das salas, incluída a adquisición de butacas e material escénico, audiovisual, de iluminación e son.
