
A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus de Ourense (Universidade de Vigo) entregou este martes 10 de novembro os seus Premios José Manuel Pérez Canal 2026 aos mellores traballos fin de grao do seu alumnado, certame realizado cada ano en colaboración co Colexio de Economistas de Ourense. Nesta edición, concedeuse un primeiro premio a un estudo sobre criptomoedas e un accésit a un traballo sobre o fútbol feminino profesional.
O acto de entrega contou coa participación de Montserrat Cruz, vicerreitora do Campus; Jesús Vázquez, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; Mª del Carmen Sampayo, decana-presidenta do Colexio de Economistas de Ourense; o deputado provincial Rosendo Fernández; e Jaime Pereira, secretario xeral da Confederación Empresarial de Ourense. Nas súas palabras, as autoridades destacaron como este iniciativa permite recoñecer e visibilizar o talento que se forma na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo.
Igualmente tiveron palabras de lembranza de José Manuel Pérez Canal, estando entre o público membros da súa familia.
Primeiro premio

O primeiro premio dos Premios José Manuel Pérez Canal 2026 recaeu en Noa Bernárdez, polo seu TFG Criptomoedas: análise comparativa de rendabilidade e risco entre bitcoin, ouro e bolsa, titorizado polo profesor Ángel Antonio Barajas. Nel analiza o comportamento da moeda bitcoin como activo financeiro comparándoo con activos tradicionais como o ouro e o S&P 500.
“O obxectivo principal foi estudar se a incorporación dunha criptomoeda a unha carteira de investimento tradicional pode mellorar a súa eficiencia en termos de rendibilidade, risco e diversificación”, sinalou a autora, engadindo que co dito cometido realizou unha revisión do marco teórico sobre criptomoedas, a tecnoloxía de cadea de bloques (blockchain), as súas principais características e os retos da súa regulación. A continuación, desenvolveu unha análise empírica baseada en datos históricos do período 2015-2026, avaliando diferentes métricas de rendibilidade e risco.
Ademais, no traballo Noa Bernárdez estudou o comportamento dos mesmos activos durante diferentes fases do mercado pertencentes ao mesmo período, incluíndo etapas alcistas e baixista. Finalmente, construíu diferentes carteiras de investimento con distintas proporciones de bitcoin e obtivo unha carteira de mínimo risco a través da optimización, co obxectivo de analizar o impacto das criptomoedas dentro dunha carteira diversificada. “Os resultados amosan que as bitcoin presentan unha elevada capacidade xenerativa de rendibilidade en fases positivas do mercado, pero tamén maior nivel de risco en períodos de incerteza e inestabilidade. Por tanto, a súa incorporación pode mellorar determinadas carteiras, dependendo do obxectivo de cada investidor”, sinala a autora do traballo.
Accésit

Natalia Cervelo foi a gañadora do accésit polo seu traballo fin de grao Análise económica e competitiva do fútbol feminino profesional: comparación entre a Liga F e a Women´s Super League, tamén titorizado polo profesor Ángel Antonio Barajas. O fútbol feminino, explica a alumna premiada, “atópase nunha etapa de crecemento continuo pero aínda hai bastantes diferenzas económicas importantes, tanto entre unhas ligas e outras como entre os propios clubs dunha mesma competición”. No seu traballo estudou a situación económica do fútbol feminino a partir de cinco aspectos craves: o valor de mercado das xogadoras, a asistencia aos estadios, o patrocinio individual, o mercado de traspasos e unha análise do equilibrio competitivo mediante distintos indicadores. O estudo centrouse en dúas competicións, a liga F e a Women´s Super League (WSL), aínda que tamén se fai mención á National Women´s Soccer League de Estados Unidos no apartado da asistencia aos estadios.
Conferencia sobre comunicación e IA

O acto acolleu unha conferencia, que nesta ocasión levou por título Comunicar na era da IA. Empresas, marcas e persoas e foi ofrecida por María Álvarez Gómez, directora xeral da axencia de medios DentsuX España. A actividade estivo organizada polo grupo de investigación GEN (Gobernanza, Economía e Natureza) e a Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo, co apoio de Ecobas, e foi presentada pola directora desta cátedra, a profesora Elena Rivo, e pola vicerreitora do Campus de Ourense. Na súa intervención a convidada fixo un repaso por como foi evolucionando o emprego da intelixencia artificial polas marcas e polos propios consumidores e consumidoras. Así, e a través de exemplos e casos reais, o alumnado puido ver como a utilización da IA evolucionou desde a busca de información e a conversa sobre ela ata a toma de decisións e a execución delas.
