
O reitor da Universidade da Coruña (UDC) e investigador do CITIC (formando parte da área de Ciencia e Enxeñaría de Datos e coordinando o grupo de investigación MODES), foi elixido académico correspondente da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España (RAC), segundo acordou o pleno da institución celebrado o pasado 28 de outubro.
A súa incorporación producirase na sección de Matemáticas, converténdose nun dos catro novos académicos elixidos pola Academia nesta última sesión.
Xunto a Ricardo Cao, foron nomeados académicos correspondentes a investigadora da Universidade de Zaragoza Pilar Catalán e o profesor da Universidade de Lleida Víctor Resco, mentres que o investigador Tomás Marqués foi elixido académico de número.
Segundo salienta a Universidade da Coruña, este nomeamento supón “un novo recoñecemento á traxectoria académica e investigadora de Cao, catedrático de Estatística e Investigación Operativa da UDC e referente internacional no ámbito da estatística aplicada, a ciencia de datos e a intelixencia artificial”.
Ao longo da súa carreira desenvolveu unha intensa actividade investigadora, con importantes contribucións científicas e unha ampla participación en proxectos de investigación e iniciativas de transferencia de coñecemento.
Membro Electo do International Statistical Institute, recibiu o Premio Nacional de Estatística (2023), a Medalla de Investigación da Real Academia Galega de Ciencias (2023) e da SEIO (Sociedade Española de Estatística e Investigación Operativa) en 2022.
A elección de Ricardo Cao como académico correspondente reforza tamén a presenza da Universidade da Coruña nos principais espazos de xeración e difusión do coñecemento científico en España. A Real Academia de Ciencias é unha das institucións científicas máis prestixiosas do país e ten entre as súas misións promover o avance da ciencia, favorecer o diálogo entre disciplinas e contribuír ao asesoramento científico da sociedade e das administracións públicas.
Cao súmase así ás tamén investigadoras do CITIC Verónica Bolón e Amparo Alonso, académicas correspondentes, e a Tona Señarís, que ingresou a finais de 2024 como académica de número.
