
O salón de sesións do Concello da Coruña acolleu o pasado venres o acto de entrega dos XXXIX Premios Prismas Casa das Ciencias á Divulgación, unha iniciativa promovida pola Administración local a través dos Museos Científicos Coruñeses que distingue anualmente os mellores traballos de comunicación e divulgación científica.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu a entrega dos galardóns, que nesta edición premiaron proxectos procedentes de ámbitos como o audiovisual, o xornalismo, a radio, a edición, a divulgación dixital ou os programas de participación cidadá vinculados á ciencia.
Durante a súa intervención, a rexedora destacou o papel dos Prismas como un dos grandes referentes da divulgación científica en España. “Os Prismas representan unha idea fundamental: que a ciencia só cumpre plenamente a súa función cando logra chegar á sociedade. Estes premios recoñecen precisamente a persoas e proxectos capaces de traducir o coñecemento en diálogo, en curiosidade e en pensamento crítico”.
A alcaldesa puxo en valor a diversidade dos proxectos recoñecidos nesta edición. “Os traballos premiados demostran que a divulgación científica vive un momento extraordinario. A ciencia pode expresarse a través dun documental, dun libro, dun podcast, dunha experiencia teatral ou dunha canle dixital. O importante é que siga chegando ás persoas e contribuíndo a construír unha cidadanía máis informada e máis libre”.
Prismas de Bronce 2026
- Mellor traballo en vídeo: La luz con el tiempo dentro, de Elena Alonso Redondo, Luis Gómez Juanes e Paloma Banderas Bielicka, por facer accesible e emocionante un fenómeno físico de enorme complexidade sen descoidar o lado humano da investigación científica.
- Mellor traballo en novos medios: canle de YouTube Cuarentaydos, de José Luis Oltra Calatayud, pola calidade, creatividade e dinamismo dunha produción divulgativa consolidada.
- Mellor proxecto de divulgación científica sobre a auga no medio urbano: Del cloro a la diversidad, de Bárbara Martínez Escrich e Mónica López Martínez do Instituto Municipal de Gestión Medioambiental-Real Jardín Botánico de Córdoba, pola súa orixinalidade e marcada visión didáctica.
- Mellor artigo xornalístico: ChatGPT no pasa la prueba: así pone en peligro la vida de los menores, de Isabel Rubio Arroyo para El País, por poñer en evidencia a través da experimentación directa e o coñecemento de fontes expertas o risco da falta de controis efectivos na tecnoloxía ao alcance dos menores.
- Mellor traballo en radio: Calvet en bicicleta, de Manuel Vicente García, César Martínez Pérez, Rosa Pedrido Castiñeiras, Estíbaliz Espinosa Río e Juan José Fernández Gómez, por aproveitar todas as posibilidades dunha experiencia estética sonora integral.
- Mellor proxecto singular: #LaCienciaDel100, de Navarrabiomed-Fundación Miguel Servet, por propoñer unha innovadora experiencia de divulgación científica e trasladala con eficacia ao medio dixital.
- Mellor libro editado: Viaje al planeta de los insectos, de Chema Catarineu para Tundra Ediciones, por utilizar os insectos como vía para abordar conceptos máis amplos e polo emprego do humor e recursos visuais para despertar a curiosidade de lectores e lectoras inesperados.
- Prisma Especial do Xurado a Desgranando Ciencia, pola traxectoria dun evento que conxuga múltiples fórmulas de divulgación científica co fomento da participación cidadá
Mencións de honra
- Mención de honra na categoría de vídeo para O camiño de cova Eirós, de José González Varela.
- Mención honra na categoría de radio para Vis a vis con la ciencia, do Museo Nacional de Ciencias Naturales.
