
Baixo o título Ocupar a palabra, habitar as redes, o Concello de Vigo organiza con motivo das reivindicacións do 25N (Día para a Eliminación da Violencia Contra as Mulleres) unhas xornadas centradas na violencia dixital. Serán impartidas entre o 23 e o 24 de novembro na sala de conferencias da sede de Afundación (rúa de Policarpo Sanz, 26).
A primeira tenente de alcalde e concelleira de Patrimonio Histórico, Cultura e Igualdade, Carmela Silva indicou que con este foro de alto nivel preténdese “analizar e denunciar a violencia dixital que padecen as mulleres nas redes sociais e nas distintas plataformas tecnolóxicas”. Trátase, engadiu, “dunha modalidade de violencia machista que mantén en constante alerta ás mulleres presentes nos espazos dixitais (mulleres novas, maiores, activas en política e mulleres con maior presenza pública, ademais fomenta a explotación do corpo feminino”.
Con este programa, dende o Goberno municipal esíxese o compromiso firme de todas as administracións para “regular a contorna dixital e evitar que as redes perpetúen as violencias contra as mulleres”. Igualmente, as xornadas afondarán no impacto que o odio organizado e a chamada “manosfera” teñen sobre a liberdade de expresión e a calidade democrática, co obxectivo de construír estratexias colectivas de acción.
Contarase coa presenza de mulleres “con moito recoñecemento e cun profundo coñecemento sobre o que ocorre no espazo dixital”, como a directora do Instituto das Mulleres, Cristina Hernández Martín; a xornalista Pilar Velasco; a creadora de contidos, Sindy Takanashi; ou as cineastas Chelo Loureiro e Inés París Bouza, entre outras.
Dende o Concello anímase á cidadanía viguesa a participar activamente nestas sesións.
