
Xiaomi iniciou a comercialización en España dos Xiaomi Clip, os seus primeiros auriculares abertos cun sistema de suxeición en forma de clip. O dispositivo aposta por un deseño que permite levar os auriculares enganchados á orella, sen introducir ningún elemento no conduto auditivo, e busca combinar comodidade e estabilidade durante o uso diario.

Cada auricular pesa 5,5 gramos e incorpora unha estrutura con memoria de forma, pensada para adaptarse á orella e manter a súa posición. Xiaomi ofrece o produto en catro acabados: Morado Escarcha, Ouro Area, Branco Perla e Negro Grafito.

O fabricante tamén destaca a incorporación de micrófonos con intelixencia artificial para mellorar a claridade das chamadas. O deseño aberto permite escoitar música sen illarse completamente dos sons exteriores, unha característica propia desta categoría de auriculares.

Estamos ante un produto ideal para desprazarse pola rúa sen illarse do contorno, polo que tamén contan con protección IP57 fronte ao po e a auga, de xeito que poden resistir a chuvia ou a suor sen maior problema.

O produto chega acompañado dun estoxo de carga cun deseño que lembra un xoieiro, un elemento que tamén contribúe a diferenciar estes auriculares dentro do catálogo de accesorios de audio da marca, e que permite que a autonomía dos auriculares poida chegar ata as 38 horas (os auriculares de xeito independente teñen unha autonomía de ata 9 horas).
Os Xiaomi Clip comercialízanse en España por 149,99 euros, aínda que a tenda oficial amosa un prezo promocional de 126,99 euros (promoción que está previsto que dure ata o vindeiro día 30).
