
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou nunha sesión demostradora do proxecto transfronteirizo Digital_Expo, celebrada no marco do 27º Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar, en Ourense. Baixo o lema Dixitalización de comercios: da venda ao stock, a xornada permitiu dar a coñecer ferramentas tecnolóxicas destinadas a optimizar a xestión comercial e mellorar a competitividade dos negocios locais.

Esta actividade forma parte do programa de accións formativas e encontros impulsado por Digital_Expo, que busca favorecer a transformación dixital do comercio e reforzar a competitividade do sector na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
A iniciativa está liderada pola Xunta e conta coa participación de Expourense, a Universidade de Vigo e as cámaras municipais de Viana do Castelo, Ponte de Lima e Arcos de Valdevez. O proxecto está cofinanciado pola Unión Europea a través do programa Interreg VI-A España-Portugal (Poctep) 2021-2027 e prolongarase ata o 31 de decembro de 2027. Dispón dun orzamento superior ao millón de euros.
