
O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu antonte a gala de entrega de premios da sétima edición do certame Galetiktokers. As creacións E se os ailalá xa os cantasen os árabes?, A microtoponimia, As bolboretas xogan con ilusións ópticas cando voan, Dirección xeral do running, Ás veces eu esquezo e Profesora de galego (onte, hoxe e mañá) resultaron ser os vídeos gañadores do Galetiktokers 2026.
O evento estivo presentado pola xornalista e creadora de contido en galego, Paula Cantelar, e polo creador de contido en galego, David Ramos.
Ademais, a gala contou con música en directo coa actuación musical de Xmaseda65.
Este ano presentáronse un total de 40 vídeos que foron creados por 78 mozos/as de Ames e doutras localidades de Galicia.
A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu hoxe sábado, 21 de novembro, a gala da sétima edición do certame Galetiktokers, organizado polos departamentos de Xuventude e Normalización Lingüística de Ames. Esta iniciativa pretende “estimular e fomentar a creación de vídeos en galego con novos formatos e, á vez, servir de oportunidade para darlle visibilidade á comunidade galega de tiktokers”, en palabras do Concello.
O evento estivo presentado pola xornalista e creadora de contido en galego, Paula Cantelar, e polo creador de contido en galego, David Ramos.
No encontro tamén se contou con música en directo, coa actuación musical de Xmaseda65. Asistiron o alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, e varios concelleiros/as do goberno municipal e dos grupos políticos municipais con representación na Corporación municipal.
Na primeira categoría (dirixida a mozas e mozos de 13 a 17 anos) presentáronse 16 vídeos que foron creados por 53 participantes, mentres que na segunda categoría (para persoas a partir dos 18 anos, sen límite de idade) houbo outros 24 vídeos admitidos, realizados por 25 persoas.
Nesta edición o xurado estivo composto por Paula Pérez Cantelar, xornalista e creadora de contido en galego; David Ramos Arcos, creador de contido en galego; e Noelia Francisco Lens, experta en comunicación e produción audiovisual. En representación do Concello de Ames, actuou como secretaria a técnica de Mocidade e Información Xuvenil, Pilar Villaverde Cutrín. Tamén participaron en representación do Concello de Ames a técnica do Servizo de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras Cuñarro, e maila bolseira do Servizo de Normalización Lingüística, Paula Varela Díaz.
Premios do xurado: primeira categoría

Na primeira categoría (mozas/os de 13 a 17 anos) acordouse por unanimidade outorgarlle un premio de 300 euros a peza E se os ailalá xa os cantasen os árabes?, de Rita Lago Moreno. Este vídeo destaca pola “súa elevada calidade visual e sonora, así como pola montaxe e orixinal idea, que destaca polo ritmo, humor e rigor”, segundo salientou o xurado, salientando tamén “a súa alta calidade lingüística”.
Dentro desta mesma categoría tamén foi premiada con outros 300 euros a peza A microtoponimia, de María Rodríguez Maroño e Tiago Díaz Domínguez. “Trátase dun vídeo que crea unha reivindicación orixinal e necesaria sobre a toponimia a través do humor e dunha conversa áxil e natural” e destaca tamén pola riqueza léxica e linguaxe coidada, destacou o xurado.
- Ademais destes 2 vídeos premiados, o xurado acordou recoñecer como finalistas desta categoría, sen ningún tipo de premio, os seguintes vídeos:
- Elas tamén abriron camiño, de Aitana Rodríguez González e Carol Oubiña Cascallar.
- Tradutor político galego, de Nikol Araújo Loureiro e Sofía Meixus Álvarez.
- Dame1Dame1, de Chiara Hernández Placer, Elisa May Burkinshaw e Mariña Puga Paulos.
- Un club de lectura diferente, de Borja Iglesias Diéguez, Bruno Gómez Costa, Mateo Durán Lafuente e Iago Nogueira Novoa.
Premios do xurado: segunda categoría
Na segunda categoría (mozos/as de 18 en adiante) acordouse, tamén por unanimidade, premiar con 300 euros á peza As bolboretas xogan con ilusións ópticas cando voan, de Yeray Folgar Cameán. Esta peza “caracterízase pola divulgación científica de alto nivel en galego”, salientou o xurado, enxalzando que “mentres explica un estudo sobre bolboretas, Yeray demostra que o galego é unha lingua perfecta para a ciencia e que a divulgación pode ser rigorosa e atractiva á vez”.
Nesta mesma categoría tamén foi galardoado cun premio de 300 euros o vídeo Dirección xeral do running, de Diego Vázquez Feijóo. O vídeo converte unha afección cotiá como ir correr nunha parodia de burocracia. Ten ritmo, enxeño e unha idea redonda que demostra que, para facer rir, a creatividade vale máis que o orzamento.
- Ademais destes 2 vídeos premiados, o xurado acordou recoñecer como finalistas desta categoría, sen ningún tipo de premio, os seguintes vídeos:
- Casa de remo de Cangas, de Ana Blanco Bernárdez.
- Un hórreo galego en Madrid, de Leticia Mayán Rodríguez.
- A onde van os galegos cando morren?, de Marta Fernández Díaz.
- A cultura das festas galegas, de Pablo Godón Danza.
- Quérennos roubar o outono, de Nicolás Hermida López.
Premios do público
Os outros dous premios, escollidos polo público a través do Instagram de Xuventude Ames, foron na primeira categoría, o vídeo Ás veces eu esquezo, de Leire Rey Piñeiro, Noelia Cabrera Bussi, Rubén Vilas Crespo e Martina Portela Da Silva, cun alcance de 15.671; e na segunda categoría, a peza Profesora de galego (onte, hoxe e mañá), de Marisa Moreda Leirado, cun alcance de 47.142. Estas dúas creacións foron premiadas con 300 euros cada unha.
O Concello de Ames destacou tamén que nesta edición para outorgar o premio do público mediuse o alcance de cada vídeo (é dicir, o número de persoas distintas, a través das súas contas de Instagram, que viron un vídeo polo menos unha vez). Deste xeito, os dous vídeos con maior alcance ou máis virais (contas únicas que o viron), de cada categoría, son os que levaron o premio do público.

