
O selo vigués Ideaspropias Editorial desenvolveu unha ferramenta propia de intelixencia artificial (IA) para a xeración dos instrumentos de avaliación dos seus cursos de teleformación (e-learning). Trátase dun desenvolvemento interno co que a compañía busca reforzar o seu posicionamento non só como editorial, senón como empresa tecnolóxica de formación. A aposta enmárcase nunha estratexia máis ampla de integración consciente da IA na creación de contidos e na aprendizaxe a distancia.
O director xeral da editorial, Pedro López, presentará esta e outras experiencias o vindeiro xoves 26 de novembro como relator na Comisión de Intelixencia artificial de ANCYPEL, onde abrirá a sesión expoñendo casos de éxito e boas prácticas no uso da IA aplicada á xeración de recursos formativos, a aplicación práctica da IA en entidades educativas e a súa integración en plataformas de teleformación.
Para Ideaspropias Editorial, a IA representa un cambio de fondo no sector da formación e a edición. “Estamos ante un cambio de fondo, non ante unha moda pasaxeira. A IA madurou ata converterse nunha ferramenta de traballo diaria, e iso obriga a reformular moitos procesos”, sinala López, engadindo que “a compañía incorporouna buscando un valor concreto, empregándoa como un medio, non coma un fin”.
A editorial defende un modelo no que a tecnoloxía convive co criterio profesional. “A IA propón, pero a persoa decide”, resume o seu director xeneral, que insiste en que todo o contido pasa pola revisión dos autores e do equipo editorial experto, responsables de garantir que os contidos de teleformación manteñan “o rigor, a coherencia e a calidade” que identifican á compañía. Nesa mesma liña, López reivindica o papel do equipo humano na integración da IA nas plataformas de teleformación: “As ferramentas de IA non serven de nada sen un equipo humano que as configure, as supervise e acompañe ao usuario”. A editorial dispón, precisamente, dun equipo de soporte cualificado para atender estas necesidades.
De cara ao futuro do sector, o responsable de Ideaspropias sitúa a fronteira entre a tecnoloxía e as persoas no trato privado: “A IA pode aforrarnos horas de traballo ou detectar a tempo a un alumno que necesita máis apoio, pero a decisión de atender a ese estudante, de entender o que lle ocorre e de acompañalo debe seguir sendo profundamente humana”. Un escenario, na súa opinión, de equipos “liberados das tarefas repetitivas para dedicarse ao que de verdade importa: ensinar, orientar e acompañar”.
López trasladará aos asistentes de ANCYPEL unha mensaxe clara: a IA é unha aliada “se se usa con criterio e responsabilidade”. E lanza unha advertencia a quen aínda la miran con receo: “O risco hoxe non é equivocarse probando, senón quedarse fóra por non probar”.
Ideaspropias Editorial é unha empresa galega especializada na creación de contidos formativos para a formación profesional. Con dúas décadas de traxectoria e presenza no ámbito nacional e internacional, aposta pola innovación educativa e a calidade no actual Sistema da Formación Profesional.

