
Hoxe celebrouse o acto de ingreso na Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) do físico Javier Díaz Bruguera (Mataró – Barcelona, 1962) como académico correspondente da sección de Ciencias Técnicas da institución. Trátase dun dos investigadores máis recoñecidos a nivel mundial no eido do deseño de procesadores e aritmética de computadores. Traballa na multinacional británica Arm desde 2015, alí deseña cerebros electrónicos (procesadores) que dan vida á tecnoloxía moderna. O seu traballo céntrase en facer que os teléfonos móbiles, computadores e servidores de internet sexan máis rápidos, intelixentes e aforren enerxía, formando parte do equipo que deseñou case todos os procesadores de gama alta do mercado actual de teléfonos móbiles.

Doutor en Física pola Universidade de Santiago (USC), foi profesor nas universidades de Oviedo, A Coruña e na mesma USC.
Na UDC foi director do departamento de Electrónica e Sistemas. Na USC dirixiu o Instituto de Informática e o departamento de Electrónica e Computación, foi un dos impulsores do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) e con 35 anos converteuse en catedrático de Arquitectura e Tecnoloxía de Computadores da universidade compostelá (o primeiro desa área en Galicia).

Indo ao acto deste luns 23 de novembro, o presidente da RAGC, Juan Lema, era o encargado de inaugurar a xornada, á que asistiron a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo; a delegada da reitora para a Estratexia Dixital da Universidade de Santiago, María José Carreira; a directora adxunta do CiTIUS, Paula López; a decana da facultade de Química da UVigo, Ángeles Peña; o director do CITIC, Manuel González; xunto a diversos representantes de institucións políticas, culturais, científicas e académicas galegas.

O presidente puxo de relevo o traballo do novo académico de cara a reducir o consumo enerxético no eido das novas tecnoloxías, co fin de reducir o seu elevado impacto ambiental. Lema manifestou que Díaz Bruguera é un reflexo do valor da formación e da investigación realizadas no noso país.
No discurso de Bruguera, titulado: El procesador como motor de la revolución de la IA, o experto subliñou que “aínda que moitos dos fundamentos matemáticos das redes neurais e da aprendizaxe automática foron establecidos hai décadas, a súa aplicación práctica estivo limitada durante moito tempo pola insuficiente capacidade de cálculo dos computadores. A revolución actual da intelixencia artificial non pode entenderse, por tanto, unicamente como un avance do software, senón como o resultado da evolución conxunta dos algoritmos, as arquitecturas de computadores e a tecnoloxía de fabricación de circuítos integrados”.

Bruguera salientou na súa intervención que un dos principais desafíos desta evolución tecnolóxica é o consumo enerxético, logo engadiu que: “A intelixencia artificial debe desenvolverse con criterios de sustentabilidade e protección da privacidade, orientándose a mellorar a calidade de vida e ampliar as capacidades humanas”.
En canto á laudatio, correu a cargo do académico Senén Barro, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade de Santiago e director do CiTIUS. Puxo de relevo que o homenaxeado “despois de trinta anos da universidade, leva case doce nunha empresa cuxos deseños acaban en miles de millóns de dispositivos dixitais. Coñece, polo tanto, o mundo académico e o industrial. Esta visión privilexiada de quen non só sabe facer investigación de alto valor e transferila á industria, senón que é el mesmo un exemplo vivo desa transferencia, resultaranos moi útil na Academia”.

