
A Deputación da Coruña e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) poñen en marcha esta semana un programa de formación e asesoramento para axudar ás pemes, ás persoas autónomas e emprendedoras a incorporar ferramentas dixitais ao seu traballo. A iniciativa desenvolverase a través da Rede Provincial de Coworking e da Oficina AceleraPeme do ITG, co obxectivo de achegar este apoio aos pequenos negocios da provincia, tamén nos concellos de menor poboación.
A primeira cita será este martes 24 de novembro, no Coworking Lab Barbanza, en Boiro. Baixo o título IA que traballa para a túa peme, este obradoiro gratuíto amosará como empregar ferramentas de intelixencia artificial para automatizar tarefas repetitivas e axilizar a xestión diaria dun negocio.
Ademais dos obradoiros, as empresas vinculadas á rede poderán acceder a sesións individuais de asesoramento dixital. Co apoio do persoal especializado da Oficina AceleraPeme, cada negocio poderá revisar que ferramentas emprega, identificar os procesos que lle convén mellorar e decidir por onde comezar. Así, a formación terá continuidade nun diagnóstico e nunha orientación adaptados a cada empresa.
A Deputación e o ITG acordarán as seguintes actividades co persoal que xestiona os centros, tendo en conta as consultas das empresas de cada comarca e a formación que xa ofrece cada espazo. A colaboración prevé estenderse aos 12 centros da Rede Provincial de Coworking, situados en Oleiros, Brión, Ames, A Capela, Moeche, Vedra, A Pobra do Caramiñal, As Pontes, Santiago de Compostela, Boiro, Miño e Porto do Son.
Apoio para poñer en marcha un negocio e facelo medrar
Segundo explica a Deputación da Coruña, a colaboración co ITG amplía os servizos de Provincia Emprendedora, a estratexia que a Administración provincial impulsa a través do Plan de Emprego Local (PEL). No marco desta estratexia, a institución provincial ofrece, xunto coa Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), formación en materias como comercio electrónico, mercadotecnia dixital, finanzas, dirección de equipos e xestión empresarial.
A Deputación engade que “quen queira poñer en marcha unha iniciativa ou facer medrar un negocio pode recibir tamén asesoramento da CEC para elaborar o seu plan de empresa, analizar a viabilidade do proxecto, buscar financiamento ou realizar os trámites de posta en marcha”. Completan esta oferta as colaboracións coa Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e coa Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (FADEMUR), con especial atención ao emprendemento no rural e no sector agrario.

