
O vindeiro 15 de decembro o Centro Multifuncional do Milladoiro (Ames) acollerá o obradoiro básico Fundamentos de dixitalización empresarial, pertencente ao proxecto Extraordinarias. A sesión impartirase de 16.30 a 20.30 horas, e para participar é necesario inscribirse.
Este taller trátase dunha formación de nivel básico incluída no programa Extraordinarias.net: Competencias dixitais para crecer do local ao global, impulsado pola Fundación Cibervoluntarios. Durante a sesión, as participantes poderán aprender sobre como dar visibilidade e impulsar o seu negocio en distintas plataformas dixitais, así como identificar o seu público obxectivo, construír unha marca coherente e empregar de xeito profesional ferramentas como WhatsApp Business e Instagram.
As participantes aprenderán tamén a facer fotografías e vídeos co móbil e competencias básicas sobre edición de vídeo coa ferramenta dixital CapCut.
A concelleira de Emprendemento, Ana Belén Paz, explicou que “esta proposta está dirixida a mulleres emprendedoras en zonas rurais, co fin de formalas en ferramentas dixitais básicas que lles axuden a impulsar os seus negocios. Na sesión aprenderán a empregar plataformas dixitais, definir a súa marca e pautas sobre fotografía e edición de vídeo. Para poder participar e necesario inscribirse previamente”.
Extraordinarias é un proxecto destinado a mulleres de zonas rurais de toda España, co obxectivo de axudalas a impulsar os seus negocios, como comercio electrónico ou mercadotecnia dixital. Deste xeito, a finalidade é potenciar ideas e negocios activos que están xerando valor e economía local, para impulsalos a nivel global. A través deste programa xa se formaron máis de 4.000 mulleres emprendedoras.

