
O CITIC da Universidade da Coruña celebrou onte o trixésimo noveno Almorzo TIC Talk, unha nova sesión deste ciclo de encontros informais dirixidos ao persoal investigador do centro, especialmente a aquelas persoas que se atopan nas primeiras etapas da súa carreira investigadora. Desta volta, o encontro tivo lugar na Sala Cloud do CITIC e contou coa participación de David Soler García, quen impartiu a charla Autenticación e privacidade nos grupos de mensaxería: Por que sempre preguntan Quen es?, e nunca Que tal estás?.
Durante a sesión abordáronse os retos de privacidade que presentan as aplicacións de mensaxería grupal e as comunidades en liña, nas que a autenticación dos usuarios “pode implicar a revelación de información persoal a persoas descoñecidas ou permitir o seu rastrexo a través de diferentes servizos”. Así mesmo, analizouse o equilibrio entre a protección da privacidade e a necesidade de contar con ferramentas de moderación, como o control de acceso ou os sistemas de bloqueo de usuarios.
A charla afondou en diferentes técnicas criptográficas orientadas a reforzar a privacidade nos procesos de autenticación en grupos de mensaxería, tomando como referencia a ferramenta Continuous Group Key Agreement (CGKA) e a súa construción Messaging Layer Security (MLS). En primeiro lugar, presentouse unha análise experimental do rendemento de MLS, prestando atención á súa eficiencia na xestión de grupos de mensaxería.

Deseguida o relator expuxo dúas propostas de protocolos para posibilitar a autenticación privada nestes contornos. A primeira baséase en credenciais baseadas en atributos, que permiten limitar a información revelada polos usuarios e establecer requisitos comúns para os membros dun grupo. A segunda adapta o esquema Anonymous Blocklisting aos grupos de mensaxería, permitindo impedir a autenticación de usuarios bloqueados en grupos de confianza sen comprometer a súa privacidade nin facilitar o seu rastrexo entre diferentes comunidades.
Para desenvolver estas solucións empréganse ferramentas criptográficas centradas na privacidade, como as probas de coñecemento cero. As propostas presentadas buscan contribuír ao desenvolvemento de sistemas de mensaxería máis seguros, nos que sexa posible verificar a identidade e xestionar a participación das persoas usuarias sen renunciar á privacidade.
A presentación empregada polo investigador durante a sesión está dispoñible para a súa consulta.

